Dobre impulso para o karting arteixán en Outeiro de Rei

O karting de Arteixo volveu deixar a súa pegada en Outeiro de Rei, escenario da segunda proba do Campionato Xunta de Galicia, nunha fin de semana con máis de 100 equipos inscritos e cun domingo condicionado pola néboa, que obrigou a atrasar o inicio da competición federada ata as 11.00 horas. A cita celebrouse ademais no circuíto lucense despois de que a federación trasladase alí a proba prevista inicialmente na Madalena polo estado da pista pontevedresa e por razóns de seguridade.
No plano deportivo, Álex Fernández confirmou o excelente arranque de curso. O piloto arteixán xa abrira a tempada cun triunfo en As Pontes dentro da Rookie Vortex e en Outeiro de Rei volveu ser o mellor da súa modalidade, por diante de Carmen Pintor e Izan Santa María. A súa regularidade nas dúas primeiras citas convérteo nun dos nomes propios deste inicio de campionato.
A representación local tamén atopou unha alegría en Pre-Rookie. Asier asinou en Outeiro de Rei o seu primeiro podio da tempada cun terceiro posto moi pelexado. O piloto saíu segundo no sorteo e mantivo a batalla en cada volta ata asegurar unha posición no caixón que soubo a triunfo.
Coa segunda rolda xa superada, o foco está posto agora nas Pontes. A terceira proba puntuable do Campionato Xunta de Galicia de Karting está programada do 1 ao 3 de maio no trazado coruñés, onde os dous representantes arteixáns buscarán prolongar as boas sensacións deixadas en Outeiro de Rei.