Dobre cita de Entroido en Cambre con disfraces na Barcala e desfile no Campo da Feira

Cambre presenta este ano dúas opcións claras para vivir o Entroido en diferentes formatos: unha proposta de ambiente veciñal para ir collendo ganas e unha gran xornada no Campo da Feira pensada para encher a tarde de cor e a noite de música.
A primeira cita será na Barcala o luns 16 de febreiro. A festa de disfraces desenvolverase de 19.30 a 23.00 horas no baixo da rúa Río Miño, 6, cunha noite de música e bo ambiente. O evento está organizado pola Asociación Nosa Sª da Visitación (A Barcala) coa colaboración do Concello de Cambre.
O prato forte chegará o sábado 21 de febreiro co Entroido Pequeno 2026 no Campo da Feira. Desde as 16.30 horas haberá desfile de carrozas e comparsas e concurso de disfraces, presentado por José Manuel González, da Orquestra Los Satélites, e amenizado por DJ Manry.
A partir das 21.30 horas, a festa dará o salto ao escenario con música en directo: actuarán Los Inhumanos e a Orquestra Los Satélites, nun remate pensado para prolongar a celebración ata ben entrada a noite.
Para participar nos concursos de disfraces, comparsas e carrozas, o prazo de inscrición estará aberto do 11 ao 18 de febreiro, ambos incluídos. As solicitudes poden presentarse no rexistro municipal, nas oficinas habilitadas, ou a través da sede electrónica do Concello, lembrando que cada inscrición debe tramitarse de xeito individual.