Do 16 ao 19 de maio celébrase a Karate 1-Youth League na Coruña
A cidade da Coruña acollerá durante esta semana, do 16 ao 19 de maio, unha nova edición do Karate 1-Youth League, o campionato internacional de karate de categorías base máis importante. O acto de presentación da cita deportiva contou coa presenza do concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro; do presidente da Real Federación Española de Karate, Antonio Moreno; do responsable de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira; e do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Será o segundo ano consecutivo que se realice esta proba na cidade, que xunto con Fujairah (Emiratos Árabes Unidos), Porec (Croacia), Cancún (México) e Venecia (Italia) ten a honra de ser unha das sedes. "O éxito da pasada edición fíxonos querer repetir experiencia e esperamos superar as expectativas", sinalou o concelleiro durante a súa intervención. Está prevista a participación de 3.034 deportistas, 709 adestradores, 260 árbitros e 75 persoas máis da organización de ata 77 países. A organización estima que o evento mobilizará máis de 7.000 persoas, contando as persoas acompañantes. "Estes datos amosan que estamos ante o evento deportivo de base máis importante do ano en Galicia e un dos máis relevantes a nivel nacional", dixo Castro.
Karate 1-Youth League pertence ao circuíto mundial de categorías inferiores e está dirixido a deportistas de entre 12 e 20 anos de idade. Na Coruña haberá catro modalidades de kata e outras sete de kumite. Ademais, a realización desta proba tamén contará cun curso mundial de arbitraxe, un curso de 'coach' internacional e un 'training camp'. Está prevista a participación de 16 clubs e 51 deportistas galegos.
Gonzalo Castro destacou a alta participación feminina nesta proba, na que hai confirmadas máis de 1.200 nenas e mozas. "Levamos anos traballando desde este Goberno municipal para que A Coruña sexa unha potencia nacional na realización de grandes eventos e a disputa desta competición é unha boa proba de que imos polo bo camiño", engadiu o edil.
Pola súa banda, Diego Calvo destacou o papel de España nesta disciplina ao achegar case 600 deportistas e lembrou que, desa cifra, 51 son galegos pertencentes a 16 clubs da comunidade. Ademais, destacou o feito de que catro dos integrantes da representación galega forman parte da selección española: Alba Rocha, Eva Rodríguez, Uxía Folgueira e Roque Mazoy.
Na súa intervención tamén agradeceu o traballo da Real Federación Española de Karate e Disciplinas Asociadas e a colaboración da Federación Galega de Karate e D.A. para que A Coruña poida ser un ano máis sede do Karate mundial demostrando o potencial de Galicia na organización de eventos deportivos de elite e de relevancia internacional.