Diego Rodríguez presenta na Casa Museo Casares Quiroga as 'Rimas populares de Galicia' de Murguía

O académico correspondente Diego Rodríguez González presentará este mércores, 4 de febreiro, na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras, 12) o volume 'As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados', unha publicación que rescata e ordena a documentación existente sobre un proxecto editorial que Manuel Murguía anunciou durante anos pero que, finalmente, nunca chegou a ver a luz.
A presentación, prevista para as 19.00 horas e con entrada libre ata completar a capacidade da sala, contará tamén coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e do concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, administración que patrocina a edición.
O libro publícase dentro da colección Anexos BRAG e reconstrúe o itinerario dun traballo que Murguía foi formando coa axuda dunha rede de colaboradores, entre os que se atopaban figuras como o escritor e lexicógrafo Marcial Valladares. Tamén tivo un papel destacado a súa filla Alejandra Murguía de Castro, primoxénita do matrimonio con Rosalía de Castro, quen recompilou versións de romances como 'Dona Silvana' a unha anciá de Laxe, ademais dunha variante do emblemático 'Don Gaifeiros'.
A edición, ao coidado de Rodríguez, parte dos materiais conservados na RAG e na Fundación Barrié, e ofrece as páxinas consideradas 'definitivas' a partir de manuscritos e copias vinculadas ao proxecto. O editor explica que o conxunto apareceu desordenado e sen atribucións claras, e que os limiares conservados no arquivo da Academia resultaron clave para identificar e conectar a documentación.
Entre os fondos destacados figura a transcrición lusitanizante realizada por encargo de Murguía polo académico fundador Florencio Vaamonde Lores, un material que chegou á Barrié a través do fondo de Víctor Said Armesto. Nese percorrido, Rodríguez lembra que unha das primeiras pezas que localizou foi unha versión do 'Romance don Gaiferos', punto de partida dun traballo de anos arredor deste legado.
O volume reproduce arredor de 150 composicións, incluíndo as que se conservan do arquivo murguiano e outras publicadas con retoques por Lois Carré nos anos 50 do século XX a partir de documentación hoxe non localizada. A publicación pretende, ademais, achegar unha visión máis ampla da literatura oral galega do século XIX e da súa relación con Portugal, un aspecto que o editor considera esencial para entender o romanceiro da época.