Diego Calvo reivindica o modelo de xestión do Partido Popular na provincia da Coruña

ACoruñaXa
Calvo acusou os gobernos locais de esquedas de antepoñer “os seus intereses partidistas” ao benestar da cidadanía
Diego Calvo, o líder provincial do PP
10 Jun 2025

O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, fixo balance da situación política nos concellos coruñeses ao cumprirse dous anos das eleccións municipais. Na súa análise, Calvo acusou os gobernos locais formados por socialistas e nacionalistas de antepoñer “os seus intereses partidistas” ao benestar da cidadanía, fronte ao modelo popular que, ao seu xuízo, se basea na “seriedade” e no “rigor”.

“A análise é sinxela, mentres os alcaldes e as alcaldesas do PP dedícanse a xestionar, a sacar adiante un proxecto político sólido, baseado no rigor e na seriedade, medio millón de coruñeses padecen as consecuencias da falta de xestión e da confrontación constante das coalicións formadas por socialistas e nacionalistas”, afirmou.

Calvo destacou que o PP goberna actualmente en 39 concellos da provincia, 30 deles con maioría absoluta —incluíndo incorporacións recentes como Outes e Cambre—, e asegurou que o partido aspira a consolidar os seus resultados e ampliar a súa presenza.

Referiuse tamén aos gobernos de PSOE e BNG, dos que dixo que “chegaron prometendo estabilidade e xestión” pero que “confirmáronse como todo o contrario”. “Os seus gobernos, a metade de mandato, caracterízanse polas promesas incumpridas, pola falta de xestión, pola ausencia de liderados e polos continuos problemas internos entre as coalicións mal chamadas progresistas”, sentenciou.

Críticas ás tres grandes cidades

O líder provincial do PP puxo o foco especialmente nas tres principais cidades da provincia. Sinalou a Ferrol como exemplo de boa xestión, grazas ao goberno de José Manuel Rey Varela, que —segundo dixo— superou “anos de bloques, enfrontamentos entre partidos e críticas permanentes” para instaurar un executivo “estable, unido, con capacidade de xestión e liderado”.

Todo o contrario, opinou, ao que sucede na Coruña e en Santiago. Na cidade herculina, acusou a alcaldesa Inés Rey de “renunciar a xestionar a cidade” e limitarse a depender de proxectos doutras administracións. “Estamos ante un final de ciclo, dunha alcaldesa esgotada, que vive ao día porque non ten proxecto para o futuro da cidade”, manifestou.

En canto a Santiago, Calvo foi especialmente duro: “Os santiagueses non se merecen un Goberno en descomposición total tras a crise dos concelleiros do PSOE. Cunha alcaldesa desnortada, enfrontada con todas as administracións e gobernando en minoría absoluta”, lamentou.

Casos de “desgoberno” noutros concellos

O presidente popular asegurou que esta situación de “desgoberno e inestabilidade” tamén afecta a outros municipios como Ribeira, Culleredo, Betanzos, Narón, Fisterra, Muros, Touro ou Carral. Puxo como exemplo o caso de Ribeira, onde dixo que se perderon 275.000 euros de fondos europeos, ou o de Culleredo, cun orzamento bloqueado. En Fisterra, asegurou que foi o PP quen salvou os fondos do Plan Único da Deputación.

“Son só algúns exemplos do despropósito das alianzas de socialistas e nacionalistas”, dixo, engadindo que en concellos como Outes ou Cambre os populares chegaron recentemente “para poñer orde en dous concellos nos que reinaba o máis absoluto caos de Goberno”.

Críticas á Deputación

Tamén aproveitou a ocasión o secretario xeral do PP na provincia e voceiro no ente provincial, Evaristo Ben, para facer balance do mandato da Deputación da Coruña, encabezada polo socialista Valentín González Formoso en coalición co BNG. Ben cualificou a xestión de “incompetente e marcada pola desidia”, e acusou o goberno provincial de escudarse na propaganda.

“Temos un goberno bipartito que non executa o seu orzamento, que non establece plans específicos para axudar aos concellos, que non cumpre cos parámetros de eficiencia e sustentabilidade económica que marca a lei, que non planifica actuacións estratéxicas e que non racionaliza o gasto público das subvencións ás entidades”, criticou.

Ben concluíu asegurando que a Deputación funciona como unha administración “esporádica e ocasional” que só aproba expedientes administrativos sen iniciativa política real. “Lonxe de mellorar, estes dous anos serviron para confirmar que este mandato é a continuidade dos oito anos anteriores, coa existencia dunha administración provincial que carece dun goberno provincial”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.11986494064331