Diana Navarro e a Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia pechan este xoves as actuacións en María Pita
Este xoves 22 de agosto, ás 21.00 horas, a Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia, acompañada pola recoñecida cantante malagueña Diana Navarro, pechará as actuacións musicais na praza de María Pita, dentro da programación das Festas de María Pita 2024. O concerto, de entrada libre, porá fin á Semana Clásica, que durante tres semanas encheu a praza coa mellor música clásica e contemporánea.
Dirixido por Julio Awad, o concerto incluirá un repertorio variado con temas como “24 Rosas”, “Adiós” e “Ojos verdes”, entre outros. Diana Navarro, con nove discos no seu haber e unha carreira que inclúe catro Discos de Ouro e unha candidatura ao Grammy Latino, engadirá a súa inconfundible voz a esta actuación especial.
O Goberno de Inés Rey deseñou un programa festivo inclusivo, que abarcou desde música actual ata grandes clásicos, atraendo a públicos de todas as idades. A Semana Clásica, unha das seccións máis tradicionais das Festas, destacou pola calidade das súas actuacións, incluíndo a interpretación da Novena de Beethoven pola Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu Coro, e outros concertos de formacións destacadas como a Banda Municipal de Música da Coruña, a Orquestra GAOS e a Orquestra de Cámara Galega.
Con este concerto, concluirá un verán musical inesquecible na praza de María Pita, que cada ano se consolida como un dos principais escenarios culturais da Coruña.