Día da Muller Rural en Culleredo

Este sábado 11 de outubro, a partir das 13.00 horas, celebrarase no parque da Torre de Celas o Día da Muller Rural 2025, organizado polo Concello de Culleredo coa colaboración da Asociación As Berenguelas. O acto comezará coa benvida oficial e a presentación do programa de actividades, que se desenvolverán ao longo da xornada e están pensadas para poñer en valor o papel da muller no ámbito rural.
A programación inclúe un concerto e unha tertulia a cargo de Sheila Patricia, unha sesión de cantos populares ofrecida polo Coro do Conservatorio e a actuación do Grupo de Pandereteiras de Xacarandaina. Tamén haberá unha gran foliada na que participarán os grupos locais Ancoradoira, Silvatuxeiras, Xilbardas, Larpeiros de Altarmira e Son da Terriña. A tradicional comida colectica está programada para as 14.30 horas.
Ao longo do día abrirase un mercado de artesanía e produto ecolóxico que completará a oferta festiva e permitirá achegarse a propostas locais de proxectos e producións da contorna. A organización anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse e participar desta xornada de reivindicación, cultura e convivencia no espazo ao carón da Casa do Pobo.