Dezaseis paradas de bus urbano estrenan melloras de accesibilidade en A Coruña

A Coruña vén de estrear melloras de accesibilidade en 16 paradas de autobús urbano. Os traballos enmárcanse nun plan impulsado polo Goberno local e financiado parcialmente con fondos europeos Next Generation, cun orzamento de 700.000 euros.
O obxectivo é modernizar as paradas e facer posible unha accesibilidade universal que facilite o uso do transporte público por parte de persoas con mobilidade reducida, persoas maiores ou familias con carriños. Entre as intervencións realizadas están a elevación das plataformas, a colocación de pavimento podotáctil, a reorganización dos espazos de espera e a renovación da sinalización.
As melloras executáronse en barrios como Os Mallos, Monte Alto, Labañou, Os Rosales, Catro Camiños e Castrillón, corrixindo deficiencias históricas e garantindo un transporte máis inclusivo.
A alcaldesa, Inés Rey, afirmou que “avanzar na accesibilidade é avanzar en dereitos. Esta actuación reforza o compromiso do Goberno municipal cunha Coruña máis igualitaria, amable e pensada para todas e todos”.
Pola súa parte, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “este plan baséase nunha análise rigorosa para adaptar toda a rede ás esixencias actuais. Avaliamos cada parada segundo criterios técnicos, sociais e de volume de uso, priorizando as máis urxentes. É un proxecto en marcha que continuará nos próximos meses”.