Dez ouros e oito pratas impulsan ao ITF Brigantium cara ao nacional de kickboxing

ACoruñaXa
O club brigantino brillou no Campionato Galego celebrado en Marín con oito competidores e asegurou praza para nove deportistas no Campionato de España
BETANZOS itc brigantium
17 Mar 2026

O ITF Brigantium regresou de Marín cun balance sobresaínte no Campionato Galego de kickboxing e Muaythai 2026. O conxunto brigantino, con oito representantes en competición, sumou un total de dez medallas de ouro e oito de prata, un resultado que lle permite garantir a presenza de nove deportistas no Campionato de España nas modalidades que elixan por méritos deportivos.

Entre as actuacións máis destacadas estivo a de Emma Barberá, que conseguiu pleno de ouros ao proclamarse campioa en light e kicklight. Fíxoo, ademais, nun peso superior ao seu pola ausencia de rivais na súa categoría, unha circunstancia que non freou o seu rendemento e que lle abre xa o camiño cara ao nacional júnior do próximo mes. Tamén completaron unha participación impecable Yanire Vázquez e Sandra Vázquez, ambas con pleno de triunfos nas modalidades que disputaron.

Sandra Vázquez deixou, ademais, unha das imaxes da cita galega. Sen rival en point fighting, impúxose con autoridade en light e kicklight, onde gañou por superioridade manifesta ás súas opoñentes. Fixo tres combates en apenas 20 minutos e afastou ás súas rivais da loita por unha praza no estatal.

Outra das protagonistas foi Alicia Mosquera, de só 10 anos, que asinou unha actuación moi aplaudida. A deportista logrou dous ouros tras superar con claridade a dúas rivais e quedou ás portas dun terceiro metal nun enfrontamento contra unha competidora de máis idade. O seu papel sobre o tatami acabou por gañarlle mesmo o recoñecemento dos técnicos doutros clubs.

Valeria Vázquez tamén subiu ao máis alto do podio en point fighting, aínda que non puido competir no resto das modalidades previstas pola falta de contrincantes. A mesma situación condicionou a participación doutras integrantes do club. Celia Mosquera, por exemplo, non puido exhibir o seu traballo en combate ao non contar con rival, aínda que xa ten asegurada automaticamente a súa presenza no Campionato de España.

Na categoría masculina, Brais Freire e Román Freire completaron a achega do ITF Brigantium cun botín de cinco medallas de prata nas modalidades nas que si atoparon oposición. O club considera que a falta de rivais en varias categorías limitou a posibilidade de ampliar un medalleiro que xa foi, en todo caso, moi brillante. Tamén quedou sen disputarse para os brigantinos a modalidade de point fighting, unha especialidade na que adoitan destacar de maneira habitual.

Co campionato autonómico xa atrás, o ITF Brigantium mira agora cara ao trofeo Ribeira Sacra, previsto para os primeiros días de abril. Desde a entidade quixeron felicitar os seus deportistas pola constancia e o esforzo amosados durante a competición, ademais de agradecer o respaldo recibido por parte do Concello de Betanzos.

0.13598680496216