Dez empresas optan ás obras de mellora urbana en Acea de Ama

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo investirá inicialmente 816.000 euros e prevé unha segunda fase que elevará o investimento total a 1,2 millóns de euros
Proxecto Acea de Ama Culleredo
11 Jan 2025

O proceso de rexeneración urbana de Acea de Ama, un dos proxectos máis ambiciosos do Concello de Culleredo, atraeu a interese de dez empresas que se presentaron ao concurso de licitación. A primeira fase da actuación contará cun orzamento de 816.363,22 euros, financiados integramente con fondos municipais. As obras, que se iniciarán unha vez asinado o contrato coa empresa adxudicataria, terán un prazo de execución de sete meses.

As intervencións céntranse na humanización da rúa Tierno Galván, unha área residencial clave do municipio. Inclúen a renovación completa dos pavimentos, coa finalidade de reparar os desperfectos existentes e dar uniformidade ao espazo. Ademais, elevarase a calzada entre as dúas prazas da zona para mellorar a accesibilidade e ampliaranse as plataformas en tramos sen beirarrúas ou con espazos demasiado estreitos. A velocidade dos vehículos reducirase a 30 km/h para priorizar a mobilidade peonil.

O proxecto contempla tamén a creación de itinerarios seguros para conectar Tierno Galván coa Avenida de Rutis, a Universidade Laboral e o paseo fluvial. Plantaranse árbores e arbustos, instalarase novo mobiliario urbano e reordenaranse as prazas de aparcamento, que se deseñarán para estacionar marcha atrás.

Outras melloras inclúen a renovación das redes de saneamento, a recollida de augas pluviais e a substitución integral do alumeado, que contará con luminarias LED de última xeración.

Nunha segunda fase, o Concello acometerá a reforma integral das prazas da urbanización, co que o investimento total ascenderá a 1,2 millóns de euros.

0.18513011932373