Detida unha persoa e identificadas seis máis por furtivismo na ría da Coruña

ACoruñaXa
A operación da Policía Nacional Adscrita, en colaboración con Gardacostas e a confraría da Coruña, persegue a actividade extractiva ilegal e os danos ambientais asociados
ria-do-burgo
9 Dec 2025

A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia detivo unha persoa e investigou outras seis pola súa implicación en actividades de furtivismo na ría da Coruña, no marco de diferentes dispositivos especiais de vixilancia desenvolvidos xunto ao Servizo de Gardacostas de Galicia e á confraría de pescadores da cidade. A intervención contou tamén coa colaboración da Policía Local de Oleiros.

A persoa detida xa contaba cunha inhabilitación xudicial para exercer a caza e a pesca, ao ser sorprendida previamente en polo menos tres ocasións participando en extraccións ilegais. Por estes feitos, imputáronselle tres delitos de quebrantamento de condena e un delito contra a flora e a fauna.

As outras seis persoas foron identificadas como parte do grupo que realizaba a actividade furtiva, incluíndo tanto a extracción como tarefas de apoio loxístico. Todas elas carecían dos permisos de marisqueo obrigatorios, actuaban fóra dos horarios autorizados e incumprían as tallas mínimas. En todos os casos impútaselles un delito contra a flora e a fauna.

A investigación tamén constatou que o grupo empregaba rasquetas metálicas para arrincar os recursos directamente da rocha, unha técnica especialmente daniña que destrúe o hábitat mariño, deixa a superficie rochosa despoboada e provoca un impacto ambiental moi elevado, afectando tanto á sustentabilidade do marisqueo como ao equilibrio ecolóxico da zona.

A UPA mantén aberta a investigación e non se descartan novas actuacións relacionadas con outras persoas implicadas, puntos de venda ou redes de distribución do produto extraído ilegalmente. A Consellería do Mar e as confrarías colaboran activamente nestes operativos, dirixidos non só a impedir a extracción ilegal, senón tamén a controlar a venda, transporte e distribución de marisco sen garantías sanitarias.

⚙ Configurar cookies
0.078879117965698