Detectados tres novos casos de gripe aviaria en aves silvestres na provincia da Coruña
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia anunciou a detección de tres novos casos de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en aves silvestres na provincia da Coruña. Os exemplares afectados son tres gaivotas patiamarelas (Larus michahellis), recollidas nos concellos de Camariñas, Pontedeume e Oleiros.
As aves foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, onde se realizaron as mostras correspondentes para análise laboratorial. Posteriormente, os cadáveres das gaivotas foron eliminados conforme á normativa vixente. Con estes novos casos, o número total de exemplares afectados pola gripe aviaria en Galicia no ano 2024 ascende a seis.
A detección destes casos en aves silvestres non altera o estatus sanitario de Galicia en relación coa influenza aviaria, polo que non se prevén restricións adicionais no comercio de aves vivas ou produtos avícolas da comunidade. A valoración de risco a nivel estatal mantense estable, sen cambios respecto aos meses anteriores, dado que non se tomaron medidas adicionais desde maio de 2023, cando se observou unha evolución favorable na incidencia da enfermidade.
En Galicia, as medidas de prevención sanitaria continúan aplicándose nos sete concellos da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa). A Consellería do Medio Rural subliña a importancia de manter e reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, tanto comerciais como particulares, para evitar o contacto con aves silvestres. Así mesmo, recoméndase intensificar a vixilancia de posibles signos de enfermidade en aves, notificando calquera sospeita aos servizos veterinarios oficiais.