Destínanse 800.000 euros ao persoal das oficinas de turismo municipais en 2025

ACoruñaXa
Os concellos de menos de 50.000 habitantes poderán recibir entre 10.000 e 20.000 euros para financiar estas contratacións
Imaxe da oficina de turismo de Santa Cristina (Oleiros)
18 Dec 2024

A Deputación da Coruña anunciou hoxe, 18 de decembro, a asignación de 800.000 euros ao programa DP0029, unha iniciativa destinada a subvencionar o gasto de persoal nas oficinas de turismo municipais durante o ano 2025. Poderán beneficiarse desta axuda os concellos e agrupacións de concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, que recibirán entre 10.000 e 20.000 euros, cubrindo o cen por cento do importe solicitado.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 19 de decembro e o 16 de xaneiro de 2025. Ademais, os municipios de menos de 10.000 habitantes que non conten con áreas de Turismo nin persoal específico poderán optar ás axudas mediante a agrupación de polo menos tres concellos limítrofes, sempre que dispoñan de recursos turísticos susceptibles de xerar dinamización.

As subvencións cubrirán postos desempeñados por persoal funcionario, laboral ou contratado de forma externa. O vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira, destacou que este programa, en marcha desde 2017, “dá traballo a arredor de 50 persoas na provincia e presta servizo a medio cento de entidades municipais”. Engadiu tamén que “é fundamental contar con profesionais formados que estruturen os recursos turísticos para xerar valor no territorio”.

As solicitudes deben tramitarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación. As bases completas poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 16 de decembro.

⚙ Configurar cookies
0.8408260345459