Destínanse 211.000 euros a dinamizar os coworkings da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

ACoruñaXa
A Rede Provincial de Coworking financiada pola Deputación da Coruña atópase integrada por 11 centros especializados por sectores e distribuídos polas diferentes comarcas da provincia
Formoso en visitas aos GreenCoworking das Pontes e A Proa de Ames
15 Feb 2024

A Deputación da Coruña ven de publicar este xoves no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución de concesión das axudas para a dinamización e xestión dos centros de coworking adheridos á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo durante o ano 2024

As axudas económicas da Deputación están destinadas a que os centros de traballo integrantes da Rede conten con asistencias técnicas especializadas na xestión deste tipo de centros, contribúe á súa dinamización sufragando os custos funcionamento ou compras de bens destinados á actividade, así como contando con servizos de profesionais independentes para desenvolver actividades formativas e eventos.

“A Rede Provincial de Coworking é unha das apostas da Deputación para impulsar o emprego e o emprendemento e dar novas oportunidades de futuro ao rural. Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada zona”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que o seu obxectivo é apoiar o talento da nosa xente moza para que poda desenvolver na provincia as súas ideas, acompañados e titorizados a posta en marcha dos seus proxectos, prestándolles servizos e facilitando que compartan experiencias e recursos.

Estas axudas tramitanse en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, soamente son destinatarios/as das subvencións as entidades sen ánimo de lucro e concellos que xa conten con centros de coworking adheridos á Rede provincial. Neste sentido, un total de nove espazos de traballo colaborativo dos once cos que conta a Deputación na provincia recibirán subvencións por un total de 211.051,56 euros. As axudas solicitadas oscilan entre os 11.200 euros e os 29.750 euros.

A Rede Provincial de Coworking

A Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, impulsada desde o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, está formada actualmente por 11 centros xestionados por concellos e entidades sen ánimo de lucro que dispoñen de instalacións para o seu uso como espazo de traballo, ben sexan viveiros de empresas, centros de negocios ou espazos de coworking.

Estes espazos ofrecen módulos de traballo a novas empresas e persoas emprendedoras, prestan servizos comúns para cubrir as súas necesidades básicas e permiten deste xeito a posta en marcha e a consolidación de negocios durante os primeiros anos da súa vida. Ademais, dous deles, o centro Transformando en Brión e o da Fusquenlla en Moeche son espazos colaborativos de transformación agroalimentaria nos que se proporciona aos/ás pequenos/as produtores/as todo o necesario para transformar, procesar, envasar, etiquetar, cumprir co rexistro sanitario e comercializar os seus produtos do campo.

Os centros teñen un marcado carácter comarcal e a súa finalidade é axudar a desenvolver sectores produtivos e profesionais específicos en cada comarca. O obxectivo é acompañar e titorizar as emprendedoras e emprendedores na posta en marcha dos seus proxectos, prestarlles servizos e facilitar que compartan experiencias, creando sinerxias e transferencias de coñecemento que impulsen o desenvolvemento das súas ideas de negocio e o nacemento de novos proxectos.

Os espazos que forman actualmente a Rede son o Pazo de Arenaza en Oleiros, Transformando en Brión, o coworking da Capela, o espazo A Proa en Ames, o Green Coworking das Pontes, o LAB Barbanza de Boiro, o coworking A Pobra, o Centro de Emprendemento A Estación de Vedra, o centro comarcal de desenvolvemento rural A Fusquenlla de Moeche, o Coworking Dixital Ccompostela e a Casa do Pescador de Miño.

Resolución de axudas PEL-REDE Coworking 2024

Interesado Concello Coworking Subvención concedida
Concello da Pobra do Caramiñal Pobra do Caramiñal, A Coworking A Pobra 19.481,00 €
Concello da Capela Capela, A Coworking A Capela 24.791,69 €
Concello de Brión Brión Transformando en Brión 29.750,00 €
Asociación de Empresarios Seara Pontes de García Rodríguez, As Green Coworking 11.200,00 €
Concello De Vedra Vedra Centro de emprendemento A Estación 29.750,00 €
Cámara Oficial de Comercio Industria Servicios y Navegación de Santiago de Compostela Santiago de compostela Coworking Dixital Ccompostela 29.750,00 €
Concello de Boiro Boiro LAB Barbanza 12.620,30 €
Concello de Ames Ames Espazo A Proa 23.958,57 €
Concello de Moeche Moeche Centro de desenvolvemento comarcal A Fusquenlla 29.750,00 €
TOTAL 211.051,56 €

 

 

⚙ Configurar cookies
0.94829297065735