Desfile, cocido e ‘Enterro do Policarpo’ no Entroido de Samede


A conta atrás para un dos entroidos rurais máis agardados da comarca xa está en marcha. Samede celebrará o domingo 22 de febreiro unha xornada de tradición, música e troula que convida a ‘subir ao faiado’ para recuperar roupas antigas, máscaras con historia e complementos esquecidos, e saír á rúa como manda a costume.
A festa comezará ás 12.00 horas na capela de Samede, desde onde sairá o desfile pola aldea ata o campo da festa (un traxecto duns 1 quilómetro). A organización anima a participar acompañando aos Bonitos e ás Vixigueiras e a chegar xa ‘revestido’ para darlle sentido á celebración desde o primeiro paso.
Xa no campo da festa, a programación colle ritmo coa parte máis bailadora: ás 13.00 horas está previsto o baile infantil da ‘Muñeiriña’ e ás 13.30 horas o baile da ‘Muñeira Cruzada’. A partir das 14.30 horas abrirase a carpa para o xantar, preparado por Casa Taboada, cun menú de Entroido que inclúe sopa de cocido e cocido completo, ademais de sobremesa con orellas artesanas e filloas (con ou sen rixóns). Haberá tamén café con gotas de augardente da Ulla e chupito de licores, e bebidas con viño tinto e branco D.O., refrescos e auga.
O prezo do xantar é de 35 euros para persoas adultas e 20 euros para nenas e nenos de 7 a 11 anos, mentres que as e os menores de 6 anos entran de balde. Para comer na carpa será imprescindible ter os tickets mercadas e pagados (non se admite Bizum) no teléfono 655 033 266 ou na Taberna Beade antes do día 17.
A tarde deixará un dos momentos máis esperados ás 16.30 horas co ‘Enterro do Policarpo’, e a partir das 17.30 horas a organización abre a porta a unha foliada libre se a xente se anima a tocar e a seguir a festa.