Descubrindo o patrimonio: O Castelo de Santa Cruz en Oleiros

ACoruñaXa
O Castelo de Santa cruz no municipio de Oleiros é un dos dous castelos que quedan na ría da Coruña que no pasado defenderon a cidade da Coruña dos invasores estranxeiros. Na actualidade alberga o Centro de Referencia da Educación Ambiental de Galicia
O Castelo de Santa Cruz en Oleiros
31 Mar 2024

Miriam García

A ría da Coruña alberga diferentes faros e fortificacións que coroan as augas dos municipios que a rodean. Un deles é o Castelo de Santa Cruz, situado no Porto de Santa Cruz no Concello de Oleiros, unha fortaleza construída no interior dunha pequena illa con miles de anos de historia que chegou a formar parte do patrimonio da familia de escritora Emilia Pardo Bazán.

A construción da fortaleza data no século XVI, máis en concreto entre os anos 1594 e 1595, co obxectivo de protexer a ría da Coruña dos invasores chegados por auga. Sendo por aquel entón capitán xeral de Galicia Diego das Mariñas. Os planos do Castelo militar foron deseñados polo enxeñeiro militar Pedro Rodríguez Muñiz.

O proxecto de construción da fortaleza chegou nun contexto social marcado polo ataque da Armada inglesa, baixo o mando de Sir Francis Drake en 1589, que puxera de manifesto a necesidade de afianzar o sistema defensivo do porto da Coruña. Xa que, o Castelo de San Antón, único baluarte de defensa do porto da Coruña, non foi suficiente para deter a incursión dos ingleses na cidade.

No ano 1640 finalízanse as defensas desta fortaleza que estaba dotada con distintas pezas de artillería, entre as que destacaba un potente canón denominado ‘Barraco’.

Ademais, o sistema defensivo da ría da Coruña, formado polos Castelos de San Antón e Santa Cruz, foi completado coa construción dun terceiro, o Castelo de San Diego, o cal non existe na actualidade, e por outras pequenas baterías.

Sen embargo, co cesamento das invasións navais no século XVIII o castelo de Santa Cruz quedou practicamente abandonado.

A familia Quiroga-Pardo Bazán transforma a fortaleza dun impoñente Pazo

Logo de estar moitos anos abandonado a  Castelo de Santa Cruz saíu no século XIX a puxa pública, onde foi mercado por Xosé Quiroga, marido da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán. A familia construíu na illa un pequeno Pazo no que pasaban as vacacións de verán conformado inicialmente por dúas torres unidas a unha parte central, que en etapas posteriores foi ampliado.

O pazo albergaba no seu interior unha pequena capela. Hoxe en día o seu artesonado é o único elemento interior que se conserva desa época. Tamén conta cun peculiar pombal, posiblemente o único subterráneo de Galicia. O Castelo de Santa Cruz tamén conta cun pequeno e fermoso xardín, con árbores singulares que na súa maioría enraizaron moi lonxe da súa terra de orixe.

Refuxio de nenos orfos durante a Guerra Civil

O Castelo de Santa Cruz foi herdado por Branca Quiroga, filla de Emilia Pardo Bazán, e o seu marido o xeneral José Cavalcanti. En 1939, Branca doa o pazo da súa familia á armada de cabalería co fin de que se dedique a casa de colonias de orfos da Guerra Civil.

Deste xeito e ata o ano 1978, a fortaleza albergou durante os veráns a miles de orfos do exército que acudían a illa de Oleiros a recuperar un pouco de saúde e esquecer os longos invernos nos colexios. Tras este período a illa quedou novamente abandonada.

O Concello de Oleiros merca o Castelo e establece o Centro de Referencia de la Educación Ambiental de Galicia na illa

Nos anos seguintes comezouse a vivir unha burbulla de intereses inmobiliarios en Oleiros, xa que a súa proximidade á cidade da Coruña e a súa costa chea de acolledoras praias, faino un municipio moi atractivo para vivir.

Por suposto, o Castelo de Santa Cruz tampouco quedou alleo a estes movementos inmobiliarios ata que no ano 1989, o Concello de Oleiros o mercou baixo o obxectivo de que toda a cidadanía puidese gozar do edificio máis emblemático do seu territorio e que este se convertese nun lugar de referenza para a educación ambiental.

Deste xeito, no 2001 estableceuse na illa o Centro de Referencia da Educación Ambiental de Galicia (CEIDA), froito dun convenio de colaboración entre o Concello, a Universidade da Coruña e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. O Centro continúa coa súa actividade na actualidade e desenvolve proxectos relacionados coa busca de solucións ao cambio climático.

O valor histórico, cultural e artístico predomina no Castelo de Santa Cruz, declarado de Ben de Interese Cultural. A pasarela que conecta coa illa que o alberga pode visitarse de luns a domingo en horario de 8.30 a 22.30 horas en inverno e de 8.30 a 23.00 durante os meses de verán.

Ademais, de que se pode visitar o interior da fortificación de luns a venres en horario de 10.00 horas a 14.00 horas en horario de mañá durante todo o ano de 16.00 a 19.00 en inverno e de 18.00 a 21.00 en verán. Tamén abre ao público os sábados pola mañá de 11.00 a 14.00 horas e se se desexa solicitar unha visita guiada con reserva previa chamando ao centro CEIDA para concertala.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17776107788086