Descubrindo o patrimonio: a igrexa de San Lorenzo de Irixoa

ACoruñaXa
A igrexa de San Lourenzo de Irixoa destaca na comarca de Betanzos pola súa arquitectura barroca dos séculos XVI ao XVIII
Imaxe da igrexa de San Lourenzo en Irixoa
29 sep 2024

Miriam García

A igrexa de San Lourenzo de Irixoa é unha das marabillas arquitectónicas, xunto ás ermidas de Campo de Toxo e de San Cosme, que se poden atopar neste pequeno municipio situado na comarca de Betanzos. Construída entre os séculos XVI e XVIII, conta cun estilo Barroco, resultado de diversas modificacións ao longo da súa historia.

Esta é unha pequena igrexa parroquial de única nave rectangular, presbiterio e sancristía de corpo cuadrangular. No seu interior, o espazo entre a nave e o presbiterio está delimitado por un impresionante arco triunfal. O pavimento é de pedra e destaca un coro alto realizado en madeira, ao que se pode acceder desde o interior.

Externamente, os muros están construídos con cachotería, un estilo tradicional no que se usan pedras pequenas, irregulares e normalmente non labradas, unidas con argamasa de cal ou cemento. Nas esquinas, utilizan-se pezas irregulares de granito.

A cuberta é de tella curva a dúas augas, salvo na sancristía, que presenta tres augas. A fachada principal, de deseño sinxelo, está organizada nun único corpo con porta rectangular e unha espadana simple que completa a sobria estética do conxunto.

No exterior do edificio, a decoración está centrada na fachada principal. Sobresaen unha cruz de pedra no testado do presbiterio e outra, menos chamativa, no testado da nave. A fachada, de deseño sinxelo e construída con cachotería, segue un esquema pentagonal.

Ademais, conta cunha porta principal de acceso alintelada, con pezas que parecen ser restos dun arco de medio punto da igrexa anterior e unha placa cunha inscrición apenas lexíbel sobre o ingreso. Xunto a ela, hai unha xanela rectangular cunha moldura destacada que sobresae lixeiramente.

No vértice superior da fachada, destaca unha espadana flanqueada por dous pináculos moldurados e rematados en bóla. A espadana é de dous corpos: o primeiro presenta dous arcos de medio punto sobre piares, nos cales se sitúan as campás. O segundo corpo inclúe un arco de medio punto flanqueado por pináculos piramidais, tamén rematados en bóla, e un acroterio con un pináculo alongado rematado cunha cruz de forxa.

Doutra banda, os seus exteriores inclúen un cemiterio que rodea o templo pola parte traseira e unha pequena zona verde.

igrexa de irixoa1
0.19668889045715