Descontos e premios para darlle folgos ao comercio local na 'Feira de Oportunidades' desta fin de semana en Arteixo

A Feira de Oportunidades regresa esta fin de semana como unha das grandes citas comerciais do municipio, cun formato pensado para que a veciñanza poida atopar nun mesmo espazo as mellores ofertas do pequeno comercio local. O evento celebrarase no Campo da Festa de Arteixo os días 6, 7 e 8 de marzo, cun total de 27 carpas comerciais e a participación de 20 establecementos.
A diversidade será unha das claves desta edición, coa presenza de sectores moi variados: moda de home, muller e infantil, calzado, mercería, tecidos, máquinas de coser, puericultura, artesanía, agasallos, repostaría e tamén produtos para animais. O obxectivo é claro: estimular o consumo, facilitar a rotación de stock e atraer público ao comercio de proximidade, ofrecendo condicións vantaxosas para liquidar excedentes de tempada, gañar visibilidade e captar nova clientela.
A feira está organizada polo Concello de Arteixo e coordinada pola Asociación das Pequenas Empresas de Arteixo (Arteixo CCA). Esta coordinación conta co apoio e financiamento da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio, e da Deputación da Coruña, dentro das liñas de impulso á dinamización do comercio local. Ademais, a iniciativa busca tamén reforzar a proxección de Arteixo como destino comercial, atraendo visitantes doutros puntos da contorna.
A programación está pensada para que a visita sexa un plan de fin de semana para todos os públicos. Haberá unha zona infantil con talleres e xogos, á que se poderá acceder de forma gratuíta. As persoas que realicen unha compra recibirán un ticket de acceso, facilitando así a conciliación mentres as crianzas desfrutan das actividades.
No apartado cultural, a feira incluirá actuacións musicais dirixidas ao público familiar: Pakolas actuará o sábado ás 18.00 horas e Pablo Díaz o domingo ás 13.30 horas. Ao longo da fin de semana tamén haberá propostas da escola de danza Tempo 154, con formacións de danza urbana e ritmos latinos protagonizadas por veciñanza de Arteixo.
A organización reforza o atractivo cunha campaña de premios que supera os 1.000 euros en vales de compra, que deberán gastarse nas pequenas empresas do municipio. Haberá cinco sorteos presenciais durante a fin de semana con premios de 60 euros para empregar directamente nos postos do recinto. Ademais, o domingo pola tarde celebrarase o gran sorteo final, con dous premios de 300 euros para consumir na primavera no comercio local. A maiores, entre quen acuda coa publicidade da feira, sortearase un vale de 200 euros.
Os horarios serán: venres 6 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas; sábado 7, de 10.00 a 20.00 horas; e domingo 8, de 11.00 a 20.00 horas.