A Deputación e o Concello de Arteixo revisan as obras do novo parque de bombeiros de Morás, que se estreará en 2026

ACoruñaXa
A infraestrutura, cun investimento de 1,3 millóns de euros, substitúe ao parque de Sabón e dará servizo a 135.000 veciños de cinco concellos, co compromiso de reforzar o persoal no primeiro trimestre do vindeiro ano
ARTEIXO parque bombeiros
20 Nov 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, supervisaron este xoves o avance das obras do novo parque comarcal de bombeiros de Morás, acompañados polo deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e polo xerente do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Luís Barca. A visita permitiu constatar que a construción entra na súa recta final e que o edificio estará rematado en xaneiro de 2026, co traslado da base e a posta en marcha plena prevista para o primeiro trimestre do ano.

O novo recinto, situado no polígono de Morás, levantase sobre unha parcela municipal de 4.000 metros cadrados na avenida Pedra Áceda, segregada especificamente para este uso, nunha zona flanqueada pola nave de Grafoplás e polo futuro Centro de Excelencia de Economía Circular do CETIM. As obras comezaron en abril de 2025 cun prazo de execución de arredor de dez meses e un investimento superior aos 1,3 millóns de euros, logo de que o proxecto recibise o visto e prace dos servizos técnicos do Consorcio de Bombeiros.

A mudanza forma parte do convenio institucional entre o Concello de Arteixo e o Consorcio Provincial, co que se dá resposta ás limitacións das actuais instalacións de Sabón, emprazadas nunha parcela compartida con outros servizos municipais como recollida de residuos, obras ou Protección Civil e que levan anos arrastrando carencias estruturais. O acordo aprobado en 2024 polo pleno do Consorcio avala o traslado a Morás como solución para modernizar o servizo de emerxencias e garantir unhas condicións de traballo axeitadas para a plantilla.

A elección de Morás responde tamén a criterios operativos: a nova base disporá dun acceso máis directo á autovía A-6 e á autopista AG-55, o que permitirá gañar minutos en caso de incendio ou intervención de rescate. Tanto o Concello como o Consorcio subliñan que esta mellora na conectividade viaria se traducirá nunha reducción nos tempos de resposta e nun servizo máis eficiente para a cidadanía.

O parque comarcal con sede en Arteixo cubrirá non só as emerxencias do municipio, senón tamén as dos concellos de Cambre, Carral, Culleredo e Oleiros, unha área que supera os 135.000 habitantes e que figura entre as zonas de maior crecemento demográfico e de actividade industrial e loxística da área metropolitana da Coruña.

En canto ao deseño, a planta baixa do edificio acollerá as cocheras da flota de vehículos, o centro de control, despachos administrativos, salas de descanso, vestuarios, cociña e comedor, ximnasio, áreas de descontaminación e un primeiro almacén de material. O baixo cuberta reservarase para salas de instalacións, un segundo almacén e o taller, configurando unhas dependencias máis amplas e funcionais que as actuais.

O traslado efectivo da base de bombeiros ás novas instalacións producirase ao longo do primeiro trimestre de 2026, en paralelo ao reforzo de persoal comprometido polo Consorcio nos últimos meses, co obxectivo de consolidar un cadro de efectivos que permita dar unha resposta máis rápida e segura nun territorio cunha elevada concentración de poboación, polígonos industriais e tráfico viario. Durante a visita, tanto Formoso como Calvelo puxeron en valor a colaboración entre a Deputación, o Consorcio e o Concello de Arteixo para reforzar a rede comarcal de parques de bombeiros e mellorar a capacidade de resposta na área da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.070231914520264