Deportivo, Le Havre AC, Deportivo ABANCA e SC Braga pechan o cartel do Trofeo Teresa Herrera 2025

ACoruñaXa
Un dos torneos estivais máis emblemáticos e o máis antigo do mundo no seu formato anual
teresa-herrera-25
22 Jul 2025

O estadio municipal de Riazor acollerá o próximo sábado 9 de agosto a LXXX edición do Trofeo Teresa Herrera, un dos torneos estivais máis emblemáticos e o máis antigo do mundo no seu formato anual. O evento forma parte da programación das Festas de María Pita, que durante agosto encherán A Coruña de actividades culturais e de lecer abertas á cidadanía.

Nesta edición, o Deportivo enfrontarase ao francés Le Havre AC nun encontro masculino que dará comezo ás 20:00 horas. O equipo francés milita na Primeira División de Francia, o que suma prestixio a un torneo que, como indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, “celebramos que o decano dos trofeos de verán reciba este ano a dous equipos europeos de máxima categoría, proba do prestixio que ten este histórico torneo”.

No apartado feminino, o Deportivo ABANCA medirá as súas forzas co SC Braga portugués, equipo que compite na Primeira División de Portugal. O partido dará comezo ás 17:00 horas, formando a XIII edición feminina do Teresa Herrera. A xornada completará coa disputa das finais da XXIX edición do Mini Teresa Herrera nas categorías benxamín e prebenxamín pola mañá.

O Deportivo masculino é o equipo con máis títulos no Teresa Herrera, con 25 trofeos nas súas vitrinas, fronte aos 9 do segundo clasificado, o Real Madrid. No feminino, o Deportivo ABANCA posúe 4 trofeos, ademais dun conquistado polo Deportivo ABANCA B na edición de 2020.

O Trofeo Teresa Herrera está organizado baixo un acordo de colaboración entre o Concello da Coruña e o RC Deportivo, consolidándose como un torneo amigable de fútbol con carácter anual que mantén viva unha tradición deportiva histórica na cidade. O partido será retransmitido en directo na canle oficial do RC Deportivo en Youtube.

⚙ Configurar cookies
0.17752695083618