Denuncian un grave vertido de augas residuais ao mar na costa de Suevos

ACoruñaXa
Alternativa dos Veciños denuncia unha situación crítica de contaminación ambiental no concello de Arteixo
Vertido en Suevos Arteixo
13 Jan 2025

Alternativa dos Veciños alerta sobre un grave atentado medioambiental que está a ter lugar na costa de Suevos, no concello de Arteixo. Segundo a denuncia, as augas residuais municipais están sendo vertidas directamente ao mar sen depuración previa, afectando os cantís situados entre Sabón e Suevos.

A situación débese á inoperatividade do bombeo encargado de impulsar as augas fecais ata a EDAR de Bens, provocando que as residuais se filtren pola zona e acaben no mar. Desde Alternativa dos Veciños subliñan a gravidade desta problemática, non só pola contaminación que produce, senón tamén polo impacto visual e ambiental.

O panorama na estrada que conecta Bens con Suevos é descrito como "absolutamente desolador". Ademais dos gases pestilentes procedentes das fecais e da refinería, a vía presenta un estado lamentable, con numerosos buratos, gabias sen cubrir e sen as medidas de seguridade necesarias. A estrada, que leva máis dun ano pechada, converteuse nun auténtico campo de trincheiras que destrúe a paisaxe costeira.

Desde Alternativa dos Veciños pregúntanse como un concello cun orzamento de 70.125.000 euros pode permitir unha degradación ambiental deste nivel e reclaman á Xunta de Galicia que exixa medidas urxentes ao goberno local para solucionar esta grave situación.

0.1643340587616