Denuncian a aparición de cartuchos de caza detonados nas sendas do Monte de Baer

A plataforma cidadá Arteixo Futuro advertiu da presenza de cartuchos de caza usados nas inmediacións das sendas do Monte de Baer, un espazo municipal sinalizado para o tránsito en bicicleta e empregado cada fin de semana por numerosas familias como área de lecer.
Segundo explicou a entidade, os restos localizáronse a escasos metros de parcelas habitadas, o que supón unha dobre infracción: por un lado, abandonar cartuchos no medio natural e, por outro, incumprir as distancias de seguridade que fixa a Lei de Caza de Galicia. As sancións acumuladas poderían superar os 6.000 euros.
Arteixo Futuro subliña que as recentes talas de eucaliptos facilitaron o achado destes elementos, xa que as detonacións terían lugar cando as parcelas estaban cubertas de árbores, o que permitía agochar a actividade.
A plataforma reclama ao Concello e á Consellería de Medio Ambiente unha vixilancia máis exhaustiva das sendas habilitadas, lembrando que se trata de espazos financiados con fondos públicos e frecuentados pola veciñanza, polo que ‘deben garantir un mínimo de seguridade’.