Declarado partido de alto risco o Deportivo-Málaga deste domingo
A Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte declarou o partido entre o Deportivo da Coruña e o Málaga, que se disputará este domingo en Riazor ás 14.00 horas, como de alto risco. Esta decisión chega a só catro días do encontro e supón o primeiro choque deste tipo dende o regreso do equipo branquiazul ao fútbol profesional.
A medida sorprende porque en anteriores partidos desta tempada, como contra o Oviedo, Burgos ou Racing de Ferrol, non se considerou necesario establecer operativos de seguridade especiais. Non obstante, a visita do Málaga, cunha rivalidade acendida desde o playoff de ascenso a Primeira División en 2019, espertou preocupación polas posibles tensións entre afeccións. Aquel enfrontamento resultou na vitoria do Deportivo, pero desde entón ambos os clubs atravesaron unha etapa difícil en categorías inferiores ata o seu retorno ao fútbol profesional.
A decisión tamén se pode entender no contexto dos recentes incidentes en Vigo, cando o Málaga visitou o Celta Fortuna polo playoff de ascenso a Segunda División. Naquela ocasión, membros do grupo ultra Frente Bokerón protagonizaron incidentes nas rúas da cidade olívica, intimidando a veciñanza e elevando a tensión previa ao partido.
Espérase unha gran entrada no estadio herculino este domingo, e o operativo de seguridade será reforzado para evitar calquera altercado entre as afeccións, co obxectivo de garantir un ambiente deportivo seguro en Riazor.