De Vacas celebrará na Coruña o seu décimo aniversario con 'Vacanal Sinfónica' no Teatro Colón

ACoruñaXa
O concerto de gran formato será o 7 de febreiro ás 20.00 horas, dentro da programación cultural da Deputación, cun elenco de preto de setenta persoas no escenario e entradas de 4 a 10 euros
DEPU CORUÑA de vacas
13 Jan 2026

O grupo De Vacas festexará na Coruña os seus dez anos de traxectoria cun concerto especial, 'Vacanal Sinfónica', que chegará ao Teatro Colón o vindeiro 7 de febreiro ás 20.00 horas da man da Deputación da Coruña. As entradas sairán á venda nos próximos días con prezos que irán dos 4 aos 10 euros.

A deputada de Cultura, Natividade González, presentou esta mañá o evento e amosou a súa satisfacción por traer á cidade un espectáculo deste formato, destacando tamén o valor de facelo nun espazo como o Teatro Colón. Na rolda de prensa estivo acompañada polas integrantes da formación, Faia Díaz, Paula Romero, Inés Salvado e Guille Fernández, e subliñou que para a institución é un privilexio compartir este aniversario cun grupo xa consolidado e cun público fiel.

Sobre a proposta artística, a organización avanzou que será un espectáculo de gran formato, con preto de setenta persoas enriba do escenario. Guille Fernández explicou que, despois de anos nos que o grupo se caracterizou por 'desvestir' cancións, nesta ocasión optaron por facer o contrario e 'vestilas' con arranxos de Lucas Rei para un formato especial. Nesa liña, confirmaron que contarán cun coro de sesenta persoas, o Coro da Ra, ademais dun cuarteto de cordas e outro de vento.

Pola súa banda, Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado puxeron o acento na compoñente emocional do concerto, que non só conmemora unha década de música, senón que tamén supón un reencontro con xente moi querida, como o Coro da Ra, ao que definiron como unha gran familia e un lugar clave nos seus inicios.

⚙ Configurar cookies
0.07833194732666