De Sada ao mundo: o taekwondo como ferramenta de vida

Por Amanda Fernández
O Club Taekwondo Sada leva máis de dúas décadas formando deportistas, pero tamén persoas comprometidas, respectuosas e con espírito de superación. Baixo a dirección de Sabela Dios Lonja, este club coruñés consolidouse como un referente tanto a nivel autonómico como nacional, sendo dos clubs galegos con máis licencias agora mesmo. Falamos coa súa directora para coñecer mellor o día a día, os valores que o definen e os soños que seguen guiando este proxecto.
Como e cando naceu o Club Taekwondo Sada?
O noso club nace o 3 de xullo de 1999, da man dun grupo de persoas practicantes do noso arte marcial.
Que valores e filosofía definen ao club dende os seus inicios ata hoxe?
No noso club tratamos de educar ás nosas deportistas para a vida, pois independentemente do deporte, temos que saber “ser persoas”. Para nós é fundamental axudar ós nosos deportistas a aprender a traballar en equipo, a ser amables e empáticos coas persoas que os rodean e, sobre todo, a saber relacionarse co medio e coas persoas de forma respectuosa. Por suposto, o espírito de superación, o esforzo diario, a confianza nun mesmo e a determinación son piares fundamentais dentro dos nosos adestramentos.
Como é o funcionamento diario do club?
Os horarios do club están divididos en dous grandes grupos: clases de taekwondo xeral e grupos de competición. Dentro das clases de taekwondo xeral contamos con cinco grupos dividos por idades: taekwondo escolar que é de 3 a 12 anos (impártase martes e xoves de 16 a 17 horas); o taekwondo benxamín que engloba nenos e nenas entre 3 e 7 anos (que se imparte luns, martes, mércores e xoves de 17 a 18 horas); o taekwondo alevín que é apto para nenas e menos entre 8 e 12 anos (este grupo adestra os luns, martes, mércores e xoves de 18 a 19 horas); os taekwondo cadete que está pensado para adolescentes e pre-adolescentes entre 10 e 16 anos (traballan o mércores e o venres de 19 a 20 horas) e, por último, o taekwondo para adultos, no que admitimos a persoas maiores de 15 anos, que ten un adestramento semanal os mércores de 21 a 22 horas.
Para iniciarse na práctica do taekwondo, recomendamos entre una a tres clases semanas. Despois impartimos as sesión dos grupos de competición, divididos en: técnica, combate, exhibición e freestyle. Cabe destacar que somos un dos poucos clubs do país que traballa as catro modalidades do taekwondo.

Que papel xogan as competicións na formación das e dos vosos deportistas?
A nosa opinión é que a tolerancia ao fracaso e a filosofía do esforzo diario son valores que non son fáciles de atopar nos nenos e nenas no diario pero, sen embargo, o deporte (e, en especial, o taekwondo) forman os adultos do futuro con estas premisas fundamentais, pois a competición é un “lugar” onde as emocións máis fortes están a flor de pel: a presión, os nervios… e os nosos pequenos e pequenas aprenden a facerlles fronte.
Na maioría dos casos, conseguen ter un control e naturalizar todas esas emocións de maneira fascinante. Por outro lado, a felicidade dos obxectivos conseguidos é algo moi gratificante dentro do mundo da competición, despois dun traballo de moito tempo e ben feito despois de moito esforzo é unha sensación espectacular. Por último, e para nós unha das cousas máis importantes, é a confianza nun mesmo que se vai gañando nas competicións.
O feito de preparar unha competición fai que vaias subindo o teu nivel e que cada vez que pisas a pistas sexas un pouquiño mellor, iso vai facendo que sexas capaz de darte de conta de que, con traballo e compromiso, podes conseguilo todo.
Tivestes unha actuación destacadísima no Open Internacional de España. Como se viviu desde dentro este gran éxito?
Para nós a maioría dos nosos éxitos non son unha sorpresa, no noso club, tanto os técnicos coma os deportistas e as súas familias, traballamos moi duro a diario para conseguir os obxectivos máis ambiciosos. A planificación realizada polos nosos adestradores é moi específica e temos a sorte de que contamos cunha xeración de deportistas que responden á perfección e están dispostos e dispostas a “dalo todo”. É certo que os nosos rivais tamén traballan e, ademais moi ben, á vista está a igualdade que hai na pista e o difícil que é acadar calquera éxito, pero nós confiamos ao cen por cen no noso sistema e nas capacidades dos deportistas do noso club. Vivimos cada éxito con moitísima felicidade e moi agradecidos por todas as persoas que son o noso apoio no camiño.

Que significa para o club ter a tantas e tantos deportistas no máis alto do ranking nacional e xa pensando no Mundial 2026?
É un orgullo, é incrible coma uns rapaces e unhas rapazas dun pobo, dunha vila, logran competir, e superar, a outros competidores de clubs de grandes cidades cunha traxectoria tamén irreprochable. A verdade é que nos fai moi felices optar a conseguir un dos obxectivos máis ambiciosos dentro de calquera deporte, que é representar ao teu país nun campionato do mundo, outra vez.
Poderían contarnos algunha anécdota ou momento especial vivido nesta última competición?
A verdade é que nesta ocasión non tivemos moito tempo para anécdotas, pois era unha competición que transcorría nun solo día e había moitas categorías en xogo. Pero, fóra do deportivo… como poder ser que en Valladolid chova máis que en Galicia? Non o podíamos crer, estábamos no medio da meseta, entrando no mes de xuño, a trinta graos, e caían unhas pedras de sarabia impresionantes… vaia, que levamos a choiva con nós para o centro da península (di entre risas).
No deportivo, destacar o moitísimo que gustou a coreografía do noso equipo de freestyle adulto e, tamén, a subida ao podio do noso pequeno do equipo de freestyle con só doce aniños, cando a categoría chega ate os dezasete anos e, tamén, a alegría dos podios das categorías benxamín e alevín que demostran que o relevo xeracional do club vén pisando forte.
Cales son os maiores retos aos que se enfronta o club nos vindeiros anos?
Para nós, aínda máis importante que a competición, é ser un club con moitas licencias, pois somos dos clubs de Galicia con máis practicantes agora mesmo, é un dos grandes retos é seguir séndoo. Para nós é moi gratificante contar con tantos deportistas na nosa base e sentir que tantas familias confían en nós para a formación dos máis pequenos e das máis pequenas, ademais é unha parte do club á que destinamos moito tempo e esforzo, pois tratamos de que as nosas clases xerais sexan as máis completas (a nivel de educación física e taekwondo) e o máis divertidas posibles.
Por outra banda, a nivel de competición, continuar mantendo o nivel que temos hoxe en día é un reto tamén, pois nunca podemos dar por suposto que eses resultados se perpetuarán no tempo, pois relaxarse un pouco suporía, probablemente, a perda dos mellores postos a nivel autonómica e nacional.

E para rematar: que soños ou metas ten o Club Taekwondo Sada de cara ao futuro?
Soñar é gratis e entón soñamos en grande. Ultimamente escóitase dentro do noso ámbito que os Freestyle é candidata a ser unha modalidade olímpica e, por suposto, soñamos con ser nós os que consigamos ter un representante olímpico nesa proba.
Dentro do club, a nosa meta é continuar expandindo o taekwondo pola nosa zona, ate que non quede ningún rapaz nin rapaza que non teña practicado taekwondo con nós. É unha meta que xera moita ilusión e para a que imos loitar e continuar medrando curso tras curso.