De Sada á Antártida, Carmen Presas Navarro navega a bordo do buque Odón de Buen

Carmen Presas Navarro, veciña de Sada, atópase inmersa nunha experiencia única no continente antártico. A técnica en oceanografía física do Instituto Español de Oceanografía (IEO) navega neste momento a bordo do Odón de Buen, o primeiro buque con certificación polar da flota científica do IEO. Desde alí, Carmen compartiu co Concello de Sada algúns detalles do seu traballo e enviou imaxes desta aventura científica.
Carmen iniciou a súa carreira no Centro Oceanográfico da Coruña, continuou no Centro Oceanográfico de Málaga e, por razóns profesionais, actualmente traballa no Centro Oceanográfico de Canarias, en Tenerife.
O pasado 3 de febreiro, partiu desde Punta Arenas, Chile, xunto a un equipo científico-técnico do IEO e da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM-CSIC), rumbo á Antártida. Tras cruzar o Canal de Magallanes e o Paso de Drake, chegaron a varias localizacións nas Illas Shetland do Sur, Península Antártica e Estreito de Bransfield, onde están a probar os equipos de mostraxe científica e navegación do Odón de Buen en condicións polares.
Durante a campaña PROA_0225, o equipo realizará traballos de observación do fondo mariño, tomando mostras de sedimentos, fauna e auga, e realizará tamén levantamentos batimétricos e observacións na columna de auga. O buque permanecerá na zona ata o 20 de febreiro, momento no que iniciarán o seu regreso a Ushuaia, cruzando de novo o Paso de Drake e dirixíndose de volta a casa.