"De oito nenas a máis de 200 ximnastas”: o crecemento e salto internacional do Club Ximnasia Oleiros

ACoruñaXa
Falamos cunha das adestradoras deste club con presenza nacional e internacional en ximnasia rítima e ximnasia estética de grupo
ximnasia-oleiros
20 Jul 2025

Por Amanda Fernández

Con máis de vinte anos de traxectoria, o Club Ximnasia Oleiros consolidouse como un referente na práctica da ximnasia rítmica e estética de grupo en Galicia. Conversamos con Rut Balbís Calviño, adestradora da área de ximnasia estética do club, para coñecer máis a fondo o nacemento do proxecto, os valores que promoven, a importancia da comunidade local e o impacto dunha medalla internacional recentemente acadada en Grecia.

Como e cando naceu o Club Ximnasia Oleiros?

Nace no 2003, cando Rebeca Freire, rematada xa a carreira de Ciencias de actividades físicas, inicia cun grupo moi pequeno de nenas a actividade de ximnasia rítmica, como de iniciación. Así, de ter oito ou dez nenas comezou a medrar ata agora que temos 200 nenas no 2025 en todos os niveis de dúas modalidades deportivas. Comezamos coa modalidade de ximnasia rítmica só, e a partir do 2007, tamén con ximnasia estética de grupo.

Abordamos desde a parte máis de iniciación e achegamento á práctica deportiva saudable e lúdica ata o máis alto nivel de rendemento. Temos equipos en máxima competición a nivel absoluto nacional en ximnasia rítmica e agora tamén internacional en ximnasia estética de grupo. Entre a iniciación e o alto rendemento temos tamén a parte escolar e de promoción do deporte básico. Abordamos todas as capas e comezou así.

Eramos antigas ximnastas que viñemos ata Oleiros facer a carreira de INEF a especializarnos en actividade física e deporte. Pasamos de ser ximnastas a adestradoras e a iniciar co noso propio club sendo Rebeca, adestradora e coordinadora do club actualmente, a que deu o primeiro paso.

Somos  un total de nove adestradoras en todos os niveis de grupos mencionados e ningunha de Oleiros como tal. Porén, oleirenses somos agora que xa levamos tanto tempo aquí que xa pertencemos ao concello.

Que tipo de ximnasia traballades no club?

Temos ximnasia rítmica e ximnasia estética de grupo. Ximnasia rítmica é unha especialidade deportiva onde se presenta unha coreografía, que combina unha técnica corporal baseada no ballet e na ximnasia en xeral e combinada con aparellos: a pelota, o aro, as mazas, a corda e a cinta. Hai cinco aparellos diferentes, se practica de forma individual ou en grupo.

Despois, a ximnasia estética de grupo, só se practica en grupo, non leva aparellos e son grupos numerosos. A base coreográfica é o que máis se valora, máis achegada á danza, combinación de danza e ximnasia. Ambos son deportes artísticos, pero na ximnasia estética de grupo inciden máis na parte coreográfica e artística.

Con cantas ximnastas contades actualmente? Que idades abranguen e como se organiza o traballo coas distintas categorías?

Temos 200 rapazas e un rapaz. A práctica é mixta, tanto de nenos e nenas, só que nós no club temos de momento un neno. Desde os 3 ou 4 anos que se inician ata nenas de 20-21 anos, esa é a franxa de idade que temos. Se organizan por idades e niveis, logo hai categorías por anos na competición. Nas escolas están por experiencia, madurez, ano de nacemento e temos diferentes grupos nas escolas e a nivel competición, dependen do grupo onde estean adestran máis ou menos horas.

Que valores tentades transmitir ás deportistas alén do traballo físico ou competitivo? Como inflúe a ximnasia no desenvolvemento persoal das rapazas?

Para nós hai unha parte propia práctica da modalidade deportiva da ximnasia, que se caracteriza por ser unha modalidade con moita destreza física, habilidade motriz fina e global, de coordinación e flexibilidade. Porén hai outra parte moi potente que é a comunicativa que temos nós como ser humanos de expresarnos a través da linguaxe non verbal, corporal, é moi importante para poder a aprender a comunicarnos cos outros, a nivel grupo e individual, de poder entendernos uns e outras, relacionarnos en si.

Valores de compañeirismo, de traballar en grupo, moi importante a organización, a dinámica, a interacción entre adestradoras e ximnastas, a colaboración, o valor do esforzo porque cada vez que sube o nivel de competición adestran máis a idades temperás e aprenden esa parte correcta e boa da disciplina de querer esforzarte e ir a por un obxectivo, onde si te implicas, vas ter ese resultado.

Impórtanos moito a parte lúdica, un deporte que te motiva, que aprendes de ti mesma, do deporte e non só por gañar, senón por coñecerte máis a ti mesma. Pasas por moitas fases e aprendes a convivir con moitos estados emocionais. Que na parte da escola sexa divertido, lúdico, motivante e atractivo para que se acheguen con moitas ganas e queden a practicar.

Que papel ten a comunidade local ? Sentídesvos arroupadas pola contorna de Oleiros?

Estamos moi ben acollidas en Oleiros, desde a parte institucional, que nos ceden as instalacións e nos apoian economicamente coas subvencións que sacan anualmente, para mercar material, a dispor de horarios flexibles, incluso fins de semana ou festivos. En canto á comunidade, case o 90 % das ximnastas son de Oleiros ou do arredor, Culleredo, Cambre, Bergondo, Coruña... Notamos que estamos arroupadas, nós xa somos de Oleiros. E dunhas familias a outras comeza todo a coller máis volume, ao principio eramos un grupo máis reducido, pero logo chegaron as primas de, amigas de, os colexios... Tamén levamos as clases extraescolares en varios colexios da zona e iso nos axuda a ter moitas socias e xente interesada no club xa porque veñen dos colexios.

Parabéns pola prata acadada en Grecia! Como describides a emoción de competir nunha Copa do Mundo e colgarvos unha medalla internacional?

Acceder a unha competición internacional é toda unha experiencia, non só deportiva senón vital, para a deportista e para o club tamén. Notamos moito interese na prensa, medios de comunicación, o propio concello, xa que os logros deportivos dan visibilidade. Porén pensamos moito na experiencia persoal e vital que teñen as deportistas, ese equipo que se despraza a outra cultura ou lugar, como Grecia, que convive con outra deportistas, cultural, lingua... enriquece moito á experiencia deportiva.

Cando saímos fóra aumenta toda esa parte experiencial, veñen moi motivadas, é cansado día a día, hai que repetir coreografía, conviven co segundo de Bacharelato ou a Universidade e motiva a coller cada adestramento con máis ganas. Traer unha recompensa como foi a prata no Ranking dos países mediterráneos, a maiores, esa satisfacción de traballar para que nos devolva algo.

A verdade é que se viven moitas emocións nun campionato entre elas e véndoo agora todas esas historias e momentos... De algunha maneira asentan na túa personalidade e son importantes na formación integral das ximnastas. Tamén isto se extrapola ás familias, que viaxan, que nos ven na pantalla, é moi emocionante. As nenas ven referentes nas que saen, as de rítmica veñen de quedar sextas nun campionato en España.

Que obxectivos ou soños tedes para o futuro?

Queremos manter este nivel cos seguintes grupos de poder acceder a esa competición internacional e, como soños, sentimos que queremos cada vez facer mellor o traballo, as planificacións, que se acheguen máis rapaces, máis ximnastas masculinos para poder facer unha practica máis inclusiva e tamén con persoas con necesidades especiais.

Promover esa parte máis lúdica, saudable e inclusiva, moi importante, non só na iniciación ou práctica deportiva no que xa estamos asentadas, senón na parte da inclusión e da igualdade que sería o seguinte reto que temos que asumir.

⚙ Configurar cookies
0.17374587059021