David Civera, Kuve e Anabel Conde porán o broche eurovisivo ao Atlantic Pride 2025 na Coruña

ACoruñaXa
O festival ofrecerá oito días de música, diversidade e celebración en pleno verán herculino
atlantic-25
28 May 2025

A Coruña prepárase para acoller a sexta edición do Atlantic Pride, o coñecido como Orgullo do Norte, que se celebrará entre o 6 e o 13 de xullo. O festival, promovido pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e apoiado polo Concello, ofrecerá oito días de música, diversidade e celebración en pleno verán herculino.

Durante o acto de presentación oficial, presidido pola alcaldesa Inés Rey, anunciouse que David Civera, Kuve e Anabel Conde serán os encargados de clausurar o evento o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez. A rexedora destacou o papel do Atlantic Pride como “faro do turismo LGTBI” e como mostra do compromiso da cidade cun modelo inclusivo, aberto e vibrante.

A derradeira xornada promete un auténtico revival eurovisivo. David Civera, quen acadou o sexto posto en Eurovisión 2001 con 'Dile que la quiero', traerá a súa xira “Grandes éxitos 2025”. A el súmase Kuve, finalista do Benidorm Fest 2025, coa súa potente proposta de pop electrónico. Pecha o trío Anabel Conde, histórica representante de España en Eurovisión 1995, cun recordado segundo posto que lle valeu o recoñecemento do público europeo.

O cartel musical complétase con nomes como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche ou Paula Koops, ademais dunha potente representación de DJs e drags que converterán a cidade nun escenario de liberdade e celebración. Toda a programación pode consultarse nesta ligazón.

O festival incluirá tamén a cuarta edición do Certame de Literatura LGTBIQ+, en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña e o club de lectura QUEERuña. O concurso premiará relatos curtos en galego sobre diversidade sexual e de xénero, e os gañadores coñeceranse durante a xornada de peche do evento.

Con esta nova edición, o Atlantic Pride consolídase como un dos grandes referentes culturais e activistas do verán no noroeste peninsular, combinando festa, reivindicación e cultura desde unha óptica aberta e inclusiva.

⚙ Configurar cookies
0.043784141540527