Darín e Pietra protagonizarán o seu éxito teatral 'Escenas de la vida conyugal' na Coruña

O Teatro Colón da Coruña acollerá os días 29, 30 e 31 de outubro e 1 de novembro a aclamada obra 'Escenas de la vida conyugal', protagonizada por Ricardo Darín e Andrea Pietra e dirixida pola recoñecida actriz e directora Norma Aleandro. A montaxe, baseada na icónica película de Ingmar Bergman, chega por primeira vez á cidade herculina tras conquistar máis dun millón de espectadores e acumular máis de 700 funcións ao longo dos últimos anos.
Este clásico contemporáneo, que conta cun deseño escénico austero e centrado na forza do texto e na interpretación dos seus protagonistas, relata a evolución da relación entre Juan e Mariana, desde a súa vida en parella ata despois do divorcio. Alternando escenas cotiás, momentos cómicos e instantes de profunda emoción, a obra ofrece un retrato íntimo da complexidade das relacións humanas. “Todas elas cunha forte presenza do amor e coas que calquera pode identificarse”, sinala a presentación oficial da peza.
A versión orixinal de 'Escenas de la vida conyugal' naceu como unha serie televisiva sueca en 1973, protagonizada por Liv Ullman e Earlan Josephson. O seu último capítulo chegou a congregar fronte á pantalla a máis da metade da poboación sueca. O éxito levou a Bergman a adaptala posteriormente ao cine —onde obtivo premios coma o Globo de Ouro e o Bafta— e ao teatro, estreando a versión escénica en Munich no ano 1981.
Na actual montaxe, Norma Aleandro aposta por unha posta en escena esencial, sen artificios, na que a emoción e os diálogos cobran todo o protagonismo. A directora xa protagonizara esta obra en 1992 xunto a Alfredo Alcón, nunha produción que marcou un fito no teatro arxentino. A versión actual estreouse en 2013 no Teatro Maipo de Bos Aires e desde entón foi representada con enorme éxito en Arxentina, España, Chile, Uruguai e Perú.
A xira que leva agora a Darín e Pietra por distintas cidades españolas —como Madrid, Valencia, Avilés ou Murcia— inclúe por primeira vez unha parada na Coruña. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta cita: “Desde o Goberno de Inés Rey volvemos a amosar que A Coruña é a capital galega da cultura, contando con espectáculos de éxito mundial coma este”.
As entradas para as funcións no Teatro Colón están xa dispoñibles nas canles habituais de venda. O público coruñés terá así a oportunidade de desfrutar dunha das obras máis destacadas da escena hispanoamericana contemporánea, con dous dos nomes máis relevantes do audiovisual arxentino, que ademais comparten pantalla na popular serie 'El Eternauta', convertida recentemente na produción en español máis vista de Netflix.