Dano Cerebral Galicia organiza charlas informativas en Aranga e Betanzos

Dano Cerebral Galicia, a federación que agrupa as cinco asociacións desta discapacidade na comunidade autónoma, organiza o vindeiro 18 de marzo dúa charlas informativas na comarca de Betanzos. Estas sesións terán como obxectivo informar sobre as causas do dano cerebral adquirido -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as súa secuelas, sensibilizar sobre a prevención e dar a coñecer os recursos dispoñibles na contorna para a atención das persoas afectadas.
As charlas organízanse en colaboración cos Concellos de Aranga e Betanzos. A primeira sesión desenvolverase en Aranga, o martes 18 de marzo ás 11.00 horas no Local Anexo ‘Escuelita’ (CEIP La Castellana). A segunda charla terá lugar en Betanzos, ese mesmo día pola tarde, ás 16.30 horas, no Departamento de Servizos Sociais, situado no edificio das Antigas Escolas García Hermanos (Praza do Emigrante, 1).
Trátase de actividades abertas a todo tipo de público e cunha duración aproximada de hora e media. A asistencia é de balde, pero requírese inscrición previa, que pode formalizarse chamando ao 981 793 590 (Concello de Aranga) ou ao 981 770 707 (Concello de Betanzos).
Identificación e prevención do dano cerebral adquirido
En Galicia, máis de 35.000 persoas viven con dano cerebral adquirido, unha discapacidade causada maioritariamente por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico derivado de accidentes de tráfico, laborais, golpes ou caídas. A súa incidencia incrementouse nos últimos anos e segue en aumento, especialmente debido ao crecemento dos casos de ictus.
Este incremento está relacionado co envellecemento da poboación e cos cambios nos hábitos de vida, como unha alimentación pouco saudable, o sedentarismo, o estrés e outros factores de risco. Ademais, os avances na atención médica de emerxencias permiten salvar máis vidas, pero moitas persoas sobreviven con discapacidade adquirida.
Durante as sesións informativas ofreceranse recomendacións para a prevención do ictus e pautas para a súa identificación, ademais de explicarse as secuelas do dano cerebral adquirido, moitas delas invisibles, como as alteracións condutuais, emocionais e cognitivas. Tamén se exporán as principais necesidades das persoas afectadas e as súa familias, e proporcionarase información sobre os recursos dispoñibles para a súa atención.