Da arquitectura industrial de Palacios ás estrelas: a Deputación da Coruña lanza visitas gratuítas e un obradoiro de astrofotografía nas XEPDAC

O patrimonio da provincia toma o protagonismo coa segunda edición das Xornadas Europeas do Patrimonio da Deputación da Coruña (XEPDAC), que entre o 30 de setembro e o 5 de outubro propoñen unha semana de actividades gratuítas para todos os públicos baixo o lema “Patrimonio Arquitectónico: fiestras ao pasado, portas ao futuro”. O programa inclúe visitas guiadas a espazos emblemáticos —desde a arquitectura industrial de Antonio Palacios na central do Tambre ata xacementos romanos e fortalezas medievais— e culmina na fin de semana cun obradoiro básico de astrofotografía no Monte de San Bartolo (Vimianzo), miradoiro Starlight da Costa da Morte, dirixido polo fotógrafo Jorge Calderón e pensado para persoas sen experiencia previa. Para participar é preciso levar cámara e trípode, sendo recomendable contar con disparador remoto ou startracker.
As visitas gratuítas arrancan o venres 3 de outubro co percorrido “O Barbanza Industrial”, que permite coñecer a central hidroeléctrica do Tambre (Noia), as conservas Cerqueira (Ribeira) e a historia de espionaxe e contrabando das minas de volframio de San Finx (Lousame). O sábado 4 de outubro a ruta “A Costa da Morte e os seus segredos” detense no faro do Cabo Vilán (Camariñas), na factoría baleeira de Caneliñas (Cee) —a maior e mellor conservada de España— e no xacemento romano de Brandomil (Zas), un verdadeiro museo ao aire libre. O domingo 5 de outubro as XEPDAC pechan no interior da provincia cun itinerario polo Batán de Mezonzo (Vilasantar), as ruínas do Castelo de Mesía (Mesía) e a igrexa de Santo Antoniño de Toques (Toques), referente do románico rural coas súas espectaculares pinturas murais.
A Deputación lembra que a inscrición para as actividades de interese xeral continúa aberta e que as prazas son limitadas. As reservas deben formalizarse a través da web institucional e péchanse 24 horas antes do inicio de cada proposta, polo que se recomenda anotarse con antelación para asegurar praza. Ademais do programa de fin de semana, as XEPDAC inclúen accións escolares entre o martes e o xoves: monicreques tradicionais no Pazo de Mariñán (Bergondo) con Virravolta Teatro, o espectáculo musical “cant@ contigo” de Paco Nogueiras no ecomuseo do Forno do Forte (Malpica de Bergantiños) e narración oral de María da Pontragha no dolmen de Cabaleiros (Tordoia).
Para máis información e consultas, a organización facilita o contacto no 696 077 171. O obxectivo das XEPDAC é abrir novas miradas sobre o noso patrimonio arquitectónico, poñelo en valor e favorecer a participación cidadá a través de experiencias accesibles, didácticas e inspiradoras.