Curtis volve reclamar ao Estado a reparación integral do tramo da N-634 entre a A-6 e a DP-3204

O Concello de Curtis volve levantar a voz para esixir unha solución definitiva ao deterioro da estrada N-634 ao seu paso polo municipio. Faino, como leva facendo de maneira reiterada desde o ano 2000, solicitando unha reparación integral do firme no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 658,5 e 676,7, desde a conexión coa A-6 ata a intersección coa DP-3204.
Segundo denuncia o propio Concello, este tramo presenta un estado "moi deficiente, con multitude de fendas, socavóns, afundimentos e parches mal executados que afectan directamente á seguridade viaria e á integridade dos vehículos que por ela circulan".
Trátase dun treito de elevado tránsito, tanto de vehículos lixeiros como pesados, ao conectar a Autovía do Cantábrico (A-8) con Santiago de Compostela e dar acceso a puntos estratéxicos como o Polígono Industrial de Curtis–Teixeiro ou o Centro Penitenciario de Teixeiro. A alta intensidade media diaria está a provocar un desgaste constante do firme, agravando os problemas sen unha intervención estrutural.
Ademais, o Concello reclama a creación de vías de servizo laterais, fundamentais para a mobilidade agrícola e gandeira da zona. A falta de continuidade destas vías obriga a maquinaria pesada a incorporarse directamente á N-634 "en condicións de inseguridade e a escasos metros de zonas onde existen cortes entre ambas marxes".
Outro punto crítico sitúase no núcleo urbano de Teixeiro, onde a estrada divide as rúas Ramón Espiñeira e Camiño Real sen que exista un paso regulado para peóns. "Trátase dun punto crítico de paso diario, polo que é imprescindible estudar a instalación dun semáforo ou sistema similar que garanta un cruce seguro para a poboación", advirte o Concello.
A situación complícase especialmente durante a noite, debido á escasa iluminación en moitos tramos, o que incrementa o risco de accidentes.
Desde a administración local insístese en que o deterioro progresivo da estrada, sen unha intervención integral, non só encarece a súa reparación futura, senón que tamén "multiplica os perigos para condutores, veciñanza e servizos de emerxencia".
O Concello de Curtis volve así a solicitar formalmente ao Ministerio de Transportes que:
• Execute de forma urxente unha reparación estrutural completa deste tramo
• Estude a creación de vías de servizo continuas para vehículos agrícolas e gandeiros
• Habilite medidas de seguridade peonil no paso urbano de Teixeiro
• Considere a importancia estratéxica desta vía, que supera claramente o uso habitual dunha estrada local
A falta de resposta e intervención, insisten desde o Concello, “supón un prexuízo continuado para a seguridade viaria, os vehículos e a vida cotiá da veciñanza”.