Curtis vivirá unha viaxe ao pasado coa Feira 1900, unha festa de tradición, música e artesanía

Curtis converterase este sábado 26 e domingo 27 de xullo nun escenario de cultura viva coa celebración da Feira 1900, un evento que recupera o espírito das feiras tradicionais galegas e ofrece unha completa programación para todos os públicos. Música, obradoiros, xogos, exposicións e demostracións artesanais converterán a vila nunha viaxe ao pasado.
O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidirá o pregón oficial o sábado ás 13.00 horas na Carballeira, dando comezo a unha fin de semana cargada de actividades.
Entre as propostas destacadas do sábado están o espectáculo “Punto en Boca” ás 11.30 horas, a música e baile coa Asociación Mulleres da Carballeira, a sesión vermú con Antonio Barros e o concerto do grupo Treixadura ás 20.30 horas. Durante a tarde, os grupos Garatuxeiros e Embruxo animarán o pasarrúas, e ás 19.30 terá lugar o tradicional Paseo das Mozas.
O domingo, a programación incluirá actuacións de Os Garatuxeiros e o grupo portugués Faragullas e Sobrosa, a música da Asociación Mulleres da Carballeira e o vermú con Melchor Rodo, exmembro de “Os Satélites”. Pola tarde, a charanga “Os Celtas” percorrerá as rúas antes do concerto de Pan Sen Fron, e ás 21.00 horas a gaiteira Susana Seivane pechará a feira cun espectáculo musical.
Ademais das actuacións, a Feira 1900 contará con demostracións en vivo de oficios tradicionais como forxa, zoqueiro, canteiro, tear, obradoiros de coiro, cerámica e elaboración de gaitas. As exposicións serán outra das principais atraccións, con mostras como “Soños ilustrados” de Juan Naveira, “Marea Negra” de Laura Villar, “Flora e pedra” e “Ecos do pasado”, entre outras.
Para os máis pequenos, Garabato de Xogos organizará actividades na Carballeira o sábado pola tarde e o domingo en horarios de mañá e tarde. Tamén haberá talleres de cerámica, impresión botánica e trenzas gratuítas.
A Feira 1900 é unha celebración da cultura popular galega que busca achegar á veciñanza a tradición, a música e os oficios artesanais nun entorno festivo e familiar.