Curtis reviviu o espírito das feiras tradicionais galegas cunha nova edición da Feira 1900

ACoruñaXa
Unha cita que reuniu a veciñanza e visitantes arredor dunha programación diversa e pensada para todos os públicos
curtis-1900
28 Jul 2025

Curtis acolleu esta fin de semana unha nova edición da Feira 1900, unha cita que converteu a vila nun espazo de encontro coa tradición, a cultura popular e os oficios artesanais. A celebración, xa consolidada como un dos eventos culturais destacados da comarca, reuniu veciñanza e visitantes arredor dunha programación diversa e pensada para todos os públicos.

Durante dous días, a Carballeira e as rúas de Curtis enchéronse de música, obradoiros, xogos populares, exposicións e demostracións en vivo de antigos oficios como a forxa, o tear, o traballo do coiro ou a elaboración de gaitas. A mestura entre tradición e festa fixo posible unha auténtica viaxe ao pasado, recuperando o espírito das feiras de comezos do século XX.

O pregón oficial da fin de semana correu a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que deu inicio á celebración o sábado ao mediodía. A xornada comezou co espectáculo “Punto en Boca” e incluíu actuacións da Asociación Mulleres da Carballeira, pasarrúas cos grupos Garatuxeiros e Embruxo, e o tradicional Paseo das Mozas. O broche musical do día puxérono Antonio Barros na sesión vermú e o grupo Treixadura, cun concerto multitudinario ao serán.

O domingo mantívose o ritmo festivo cunha programación na que participaron, entre outros, o grupo portugués Faragullas e Sobrosa, Melchor Rodo —exintegrante de “Os Satélites”—, a charanga Os Celtas e o grupo Pan Sen Fron. A actuación da recoñecida gaiteira Susana Seivane puxo o punto final á feira cun espectáculo cargado de emoción e identidade.

A Feira 1900 reafirma así o seu papel como espazo de divulgación e celebración da cultura galega, onde a tradición se combina co lecer nun ambiente festivo, aberto e participativo.

⚙ Configurar cookies
0.17883491516113