Curtis reforzará o bus escolar entre Teixeiro e o IES con tres novas expedicións desde o 8 de xaneiro

ACoruñaXa
A Xunta e o Concello asinan coa UTE Hércules un Servizo de Interese Municipal (SIMU) cun custe anual estimado duns 17.000 euros e tarifas integradas coa Tarxeta Xente Nova e as bonificacións da rede autonómica
CURTIS acordo bus
23 Dec 2025

O Concello de Curtis e a Xunta de Galicia acordaron a creación dun novo Servizo de Interese Municipal (SIMU) para mellorar a conexión de transporte público entre Teixeiro e o Instituto de Educación Secundaria (IES) de Curtis. O convenio, formalizado coa UTE Hércules, permitirá ampliar a oferta de autobús en horario lectivo e entrará en funcionamento o próximo 8 de xaneiro de 2026, coincidindo coa volta ás aulas tras as vacacións de Nadal.

A medida céntrase en facilitar os desprazamentos do alumnado e das familias, cubrindo de maneira máis axustada os horarios de entrada e saída do centro. En concreto, habilítanse tres novas expedicións: unha saída desde Teixeiro ás 08.10 horas, de luns a venres; un servizo de regreso ás 14.15 horas; e, os luns, unha conexión adicional pola tarde que chegará ao instituto ás 18.20 horas.

O SIMU quedará integrado nas concesións do Plan de Transporte Público de Galicia, co servizo prestado pola UTE Hércules dentro da concesión Sur da comarca de Betanzos. Isto supón que o novo bus aplicará o mesmo sistema tarifario que o resto da rede autonómica, de xeito que as persoas usuarias poderán acceder ás bonificacións xa vixentes. Entre elas destaca a Tarxeta Xente Nova, que contempla ata 60 viaxes mensuais de balde para menores de 21 anos, unha medida pensada, precisamente, para favorecer ao alumnado que use esta ruta.

No plano económico, o financiamento dun SIMU recae no Concello. O acordo estima un custe anual aproximado duns 17.000 euros e fixa unha vixencia ata decembro de 2026, con opción de prórroga por un máximo de catro anos máis. A Xunta enmarca esta actuación na estratexia de reforzar unha mobilidade máis sostible e adaptada ás necesidades reais da veciñanza, coa intención de reducir o uso do vehículo particular.

⚙ Configurar cookies
0.076918125152588