Curtis reclamará á Xunta a ampliación urxente do CEIP de Teixeiro polo aumento de alumnado

O Concello de Curtis elevará ao próximo Pleno unha proposta para instar á Consellería de Educación a acometer de maneira inmediata a ampliación do CEIP de Teixeiro, ante o forte incremento da matrícula escolar rexistrado no centro nos últimos anos e a falta de espazo para atender toda a demanda.
Desde o ano 2016, Curtis vive un crecemento poboacional sostido, vinculado tanto ao aumento da natalidade como á chegada de novas familias atraídas pola actividade económica do polígono industrial. Esta evolución demográfica tivo un reflexo directo nas aulas do CEIP de Teixeiro, que pasou de 137 alumnos en 2016 a 205 previstos para 2026, unha suba que está a tensionar a capacidade das instalacións actuais.
Na proposta que irá a Pleno sublíñase que, na situación actual, o colexio xa non conta con espazo suficiente para garantir a escolarización de todos os nenos e nenas da súa área de influencia, polo que o goberno local considera imprescindible unha ampliación urxente que permita cumprir cos ratios legais de alumnado por aula de cara ao curso 2026/2027.
Entre os acordos recollidos, o Concello comprométese a poñer á disposición da Consellería de Educación, en xaneiro de 2026, os terreos anexos ao CEIP de Teixeiro necesarios para executar a ampliación, uns solos que xa están previstos no planeamento urbanístico da zona. Ademais, solicitarase a redacción inmediata do proxecto técnico, que deberá incluír non só a creación de novos espazos docentes, senón tamén a mellora do illamento térmico do edificio existente.
O texto que se debaterá no Pleno tamén require á Xunta de Galicia que asuma o financiamento das obras, salientando que a actuación é esencial para garantir a escolarización de todo o alumnado de Teixeiro e das aldeas próximas. Finalmente, o Concello pide que a ampliación se coordine cun plan de transición que asegure a calidade do servizo educativo mentres duren os traballos, minimizando o impacto sobre a comunidade escolar.