Curtis presenta a programación de Nadal con espectáculos, obradoiros e campamento de conciliación

O Concello de Curtis vén de facer pública a súa programación de Nadal, que encherá de actividades as parroquias de Curtis e Teixeiro entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro. A proposta inclúe teatro, maxia, obradoiros, inchables, música e campanadas infantís, así como o tradicional desfile da comitiva real e un campamento de conciliación para as familias.
O luns 22 de decembro abrirase a programación con teatro familiar en ambos núcleos: en Curtis, ás 17.00 horas, Lila Teatro representará a peza 'Duncan de Palleiro' no salón do Recinto Feiral, mentres que en Teixeiro, tamén ás 17.00 horas, a compañía Ghazafelhos ofrecerá o espectáculo 'H2…OH?' no salón do Edificio de Usos Múltiples.
O martes 23 repetirase a aposta polas artes escénicas. En Curtis, Ignacio Vilariño presentará ás 17.00 horas 'O tranvía Leonardo' no Recinto Feiral e, á mesma hora en Teixeiro, Paporrubio porá en escena 'Varietés do animalario' no Edificio de Usos Múltiples.
A xornada do mércores 24 de decembro estará centrada na recepción de Papá Noel. En Curtis terá lugar ás 12.00 horas no salón do Recinto Feiral e en Teixeiro, tamén ás 12.00 horas, na Praza de España.
Xa o venres 26, a maxia será a protagonista. En Curtis, Magic Mateo actuará ás 17.00 horas co seu 'Magic Mateo Show' no Recinto Feiral, mentres que en Teixeiro, á mesma hora, o mago Román achegará a súa 'Fábrica de imposibles' ao Edificio de Usos Múltiples.
O luns 29 de decembro programouse un obradoiro infantil ás 17.00 horas no Recinto Feiral de Curtis e unha tarde de inchables, tamén ás 17.00 horas, no pavillón deportivo de Teixeiro. O martes 30 chegarán as campanadas infantís en Curtis (ás 12.00 horas no Recinto Feiral), seguidas dun concerto de 'Uxía Lambona e a Banda Molona'. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente na Casa do Concello en Teixeiro ou nas oficinas municipais de Curtis.
Xa en 2026, o venres 2 de xaneiro haberá inchables ás 17.00 horas no pavillón deportivo de Curtis e un obradoiro no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro á mesma hora. O Nadal pechará co desfile da comitiva real o luns 5 de xaneiro: a comitiva iniciará o percorrido ás 18.00 horas polas rúas de Curtis e Teixeiro. En Curtis, a saída será desde a estación de tren e rematará coa recepción dos Reis Magos no Recinto Feiral; en Teixeiro, a comitiva partirá desde o Edificio de Usos Múltiples e a recepción real desenvolverase no pavillón deportivo. Ao remate, está prevista a degustación de chocolate quente e roscón para o público asistente.
Ademais, o Concello de Curtis pon en marcha o campamento de Nadal 'Conciliación na montaña', dirixido a nenos e nenas e pensado para facilitar a conciliación das familias. O campamento celebrarase nos Centros de Ocio de Curtis e Teixeiro os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro de 2025 e os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026, en horario de 8.00 a 14.00 horas.
As inscricións para o campamento poderán realizarse do 3 ao 17 de decembro de 2025, cun prezo de 20 euros por participante e descontos para irmáns. As prazas son limitadas e darase prioridade ás familias con menos recursos, con proxenitores traballando, empadroadas no municipio ou en situación de risco de exclusión social. O Concello anima ás familias a participar nun programa que busca que a infancia goce do Nadal sen saír de Curtis.