Curtis presenta a campaña 'O teu pobo premia 2025' para apoiar o comercio e a hostalaría local

O Concello de Curtis presenta a campaña 'O teu pobo premia 2025', unha nova iniciativa municipal destinada a incentivar as compras e o consumo na hostalaría do municipio durante as vindeiras semanas.
A través desta campaña, repartiranse un total de 7.000 euros en premios entre a clientela dos establecementos adheridos. En concreto, sortearanse 35 premios de 200 euros cada un, en formato de bonos para gastar exclusivamente no comercio e na hostalaría de Curtis, co obxectivo de que o impacto económico revertan directamente no tecido local.
O sorteo dos premios celebrarase o mércores 3 de decembro de 2025. As persoas interesadas en participar deberán realizar as súas compras nos negocios do concello incluídos na campaña, de acordo coas condicións que se darán a coñecer na presentación oficial e a través dos canais de comunicación municipais.
Desde o Concello subliñan que 'O teu pobo premia 2025' pretende reforzar a fidelización da veciñanza co pequeno comercio, dinamizar as vendas nun período clave do ano e poñer en valor o papel dos establecementos de proximidade na vida diaria do municipio.