Curtis inviste máis de 600.000 euros para facilitar a conciliación das familias

O Concello de Curtis vén de poñer a concurso o servizo municipal de conciliación, cun importe global de 600.941,99 euros e un custo anual de 120.188,40 euros para os vindeiros cinco anos. A medida procura garantir a continuidade dun recurso básico que facilita compatibilizar os tempos laborais e familiares no municipio.
O prego asegura a prestación de madrugadores, ludoteca e campamentos (verán, Nadal, Semana Santa e Entroido), con cobertura tanto en período lectivo como nas vacacións, ofrecendo alternativas de coidado e atención para a infancia ao longo de todo o ano.
Segundo a memoria económica, o Goberno local asumirá o 74% do custo ata final de ano, evidenciando o seu compromiso co apoio ás familias. O Concello precisou, ademais, que a nova táboa de prezos entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026, mentres que ata o 31 de decembro se manterá a porcentaxe de financiamento anunciada, co obxectivo de dar estabilidade ao servizo durante a tramitación do contrato.