Curtis incorpora dous novos predios de uso público grazas á cesión da Xunta na zona de Fisteus

ACoruñaXa
O Concello de Curtis xustificou o seu uso para fins de interese xeral, en virtude do establecido na Lei Metaga
curtis-medio-rural
22 Apr 2025

O Concello de Curtis vén de dar un paso importante na mellora dos seus espazos públicos coa incorporación de dous novos predios á súa titularidade. A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, asinaron esta a cesión formal destas parcelas, situadas na zona de concentración parcelaria de Fisteus, por parte da Xunta de Galicia.

Os terreos cedidos formaban parte da denominada Masa Común, un conxunto de parcelas incluídas nos procesos de reorganización territorial impulsados pola administración autonómica. Agora, pasan a ser parte do patrimonio municipal tras a solicitude do Concello, que xustificou o seu uso para fins de interese xeral, en virtude do establecido na Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Lei Metaga).

Esta cesión enmárcase nun proceso máis amplo de reordenación da propiedade que afecta á parroquia de Fisteus, onde se está a executar unha concentración parcelaria que abrangue unha superficie total de 3.504 hectáreas. En dita área distribúense máis de 2.000 leiras, pertencentes a 1.076 titulares distintos. A medida pretende favorecer unha xestión máis racional e produtiva do territorio, reducindo a dispersión da propiedade e facilitando o acceso dos concellos a solo para usos colectivos.

Desde o Concello de Curtis valoran moi positivamente esta achega, que permitirá dispoñer de espazos para novos equipamentos ou proxectos municipais. Ao mesmo tempo, destacan o impacto beneficioso que esta fase do proceso de concentración terá para os propietarios da zona, grazas ao incremento da base territorial e á mellora da estrutura agraria.

 

⚙ Configurar cookies
0.15846514701843