Curtis estrea unha nova canle de pagamento en liña a través da súa Oficina Virtual Tributaria

O Concello de Curtis vén de poñer en marcha novos métodos de pagamento telemático para facilitar as xestións tributarias da veciñanza a través da Oficina Virtual Tributaria. A cidadanía pode xa realizar distintos trámites e aboar obrigas fiscais desde calquera dispositivo e en calquera momento do día.
Segundo informa o municipio, a nova canle en liña permite pagar recibos, autoliquidacións de taxas, prezos públicos e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) mediante dúas opcións principais: unha pasarela de pago con tarxeta bancaria de ABANCA e a descarga dun impreso de liquidación cun código que posibilita o pagamento a través da banca electrónica ou dos caixeiros da mesma entidade.
O acceso realízase a través da Oficina Virtual Tributaria municipal, integrada na plataforma de administración electrónica da Deputación da Coruña, que permite consultar e xestionar diversos tributos municipais e aqueles que teñen a recadación delegada no organismo provincial.
Nos vindeiros días habilitarase tamén unha ligazón directa desde a web do Concello de Curtis para simplificar aínda máis o acceso a este servizo dixital. Deste xeito, o goberno local continúa avanzando na modernización administrativa e na ampliación dos trámites que se poden realizar de forma telemática, reducindo desprazamentos ás oficinas municipais e facilitando a relación da cidadanía coa Administración.
Desde o Concello sinalan que, ante calquera dúbida, o persoal municipal seguirá prestando apoio e información polas canles habituais de atención á veciñanza.