Curtis e Teixeiro poñen en marcha un curso gratuíto para mellorar as competencias dixitais da veciñanza

O Concello de Curtis anuncia unha nova edición do programa de alfabetización dixital 'Pueblos en clave digital', dirixido a veciños e veciñas de Curtis e Teixeiro. A formación está pensada para persoas que viven en concellos pequenos e que queiran gañar autonomía co móbil e coas ferramentas dixitais do día a día.
As sesións comezarán na semana do 17 de novembro e terán unha duración total de 6 semanas. As clases impartiranse en horario de mañá, cun horario flexible que se adaptará ás necesidades do alumnado. Haberá dous puntos de formación: en Teixeiro, os martes, no Local de Usos Múltiples; e en Curtis, os xoves, nas Oficinas Municipais.
O contido inclúe cuestións prácticas como aprender a manexar o móbil (WhatsApp, Sergas Móbil), saber buscar información útil e usar aplicacións que facilitan xestións cotiás. Tamén se abordará como recoñecer noticias falsas e bulos, e farase unha introdución sinxela á intelixencia artificial e aos seus usos seguros.
A actividade é gratuíta, con prazas limitadas, e non require experiencia previa. O Concello destaca que a formación será personalizada e adaptarase ao nivel de cada persoa participante. O prazo de inscrición permanece aberto ata o 12 de novembro.
Para máis información e para anotarse, a veciñanza pode chamar aos teléfonos 881 817 516 e 604 091 264.