Curtis e Oza-Cesuras melloran a súa conexión viaria grazas a un proxecto conxunto co apoio da Xunta

ACoruñaXa
Esta actuación en Curtis e Oza-Cesuras exemplifica o obxectivo da Orde de infraestruturas de uso público
xunta-curtis-oza
28 May 2025

A colaboración entre os concellos de Curtis e Oza-Cesuras permitiu acometer melloras significativas na vía de acceso ao núcleo das Merelas e á aldea do Brueiro, mediante unha actuación financiada pola Xunta de Galicia con preto de 44.000 euros no marco da Orde de infraestruturas de uso público.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a zona para comprobar o resultado das obras. A vía acondicionada, de titularidade compartida, conecta ambos municipios desde a estrada autonómica AC-230 e vertebra tamén as conexións con outras localidades limítrofes.

Os traballos realizados incluíron o ensanche da calzada, a pavimentación de camiños de terra, o reforzo do firme e a mellora da sinalización horizontal e da drenaxe. Prieto destacou que a intervención busca aumentar a seguridade, especialmente para os peóns, nunha vía frecuentada por vehículos pesados vinculados á actividade agrícola.

Esta actuación en Curtis e Oza-Cesuras exemplifica o obxectivo da Orde de infraestruturas de uso público: dotar aos municipios de menos de 30.000 habitantes das ferramentas necesarias para mellorar os seus servizos. En 2024, esta liña de axudas destinou preto dun millón de euros a 107 proxectos, dos que 26 foron solicitudes conxuntas, como a destes dous concellos, que puideron optar a un financiamento do 80% do custo, cun máximo de 50.000 euros.

No caso de Curtis, a Xunta tamén subvencionou recentemente a senda peonil en Fisteus con 34.000 euros e mantén o financiamento do GES local con preto de 16.000 euros. En Oza-Cesuras, os investimentos en 2024 inclúen 34.000 euros para a mellora doutros accesos viarios, 15.000 euros para servizos ambientais, 48.000 euros para eficiencia enerxética na piscina, 10.000 euros para socorrismo e 900.000 euros do fondo de fusións municipais.

Natalia Prieto destacou que este tipo de actuacións reflicten o compromiso da Xunta co municipalismo e coa igualdade de acceso a servizos básicos en todo o territorio, independentemente do tamaño do concello. A través das distintas liñas de apoio activadas este ano, o Goberno galego mobilizou 24 millóns de euros para impulsar case 700 proxectos locais.

⚙ Configurar cookies
0.16359901428223