Curtis e Ordes izan as súas Bandeiras Verdes de Galicia

Os concellos de Ordes e Curtis celebraron o izado das súas respectivas Bandeiras Verdes de Galicia, un distintivo que recoñece o compromiso dos municipios coa protección do medio ambiente e a sustentabilidade. No acto, que contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participaron tamén os respectivos equipos de goberno municipais.
A conselleira destacou a importancia deste recoñecemento, subliñando que cada vez son máis os municipios galegos que o conseguen. De feito, en 2024 a Xunta concedeu 24 distincións, un 33 % máis que en 2023, e 11 concellos acadaron este galardón por primeira vez.
Vázquez resaltou que a Bandeira Verde de Galicia contribúe a visibilizar os municipios como territorios responsables e comprometidos con boas prácticas en ordenación do territorio, proteción do medio ambiente e do paisaxe, loita contra o cambio climático e eficiencia enerxética. Ademais, tamén fomenta a correcta xestión dos residuos municipais e a sensibilización cidadá en materia ambiental.
Durante a súa intervención, a conselleira destacou que tanto Ordes como Curtis acadaron este distintivo en catro das cinco convocatorias desta iniciativa impulsada pola Xunta no ano 2020.
No caso concreto de Curtis, o Concello presentou 18 accións na súa candidatura, das cales 12 xa foron executadas e 6 atópanse en fase de desenvolvemento. Entre estas iniciativas destacan a creación dun Bosque Atlántico no parque empresarial de Teixeiro, o acondicionamento dunha ruta de sendeirismo, a adquisición dun vehículo eléctrico para a flota municipal, a formación de persoal da área de urbanismo en infraestrutura verde e a realización de campañas divulgativas e informativas.
Pola súa banda, o Concello de Ordes incluíu 10 actuacións na súa candidatura, entre as que destacan a construción de 4 sendas peonís, a humanización de varias rúas, o uso de enerxías renovables como a biomasa ou a aerotermia, e o desenvolvemento dunha campaña de concienciación cidadá sobre a correcta xestión dos residuos e a limpeza dos espazos públicos.
A conselleira animou a outros concellos galegos a participar na próxima convocatoria e salientou que obter este distintivo supón un mérito adicional para acceder a subvencións en materia de patrimonio natural, así como para recibir axudas autonómicas destinadas á construción e mellora de puntos limpos ou para proxectos de reutilización.
O acto rematou co izado das Bandeiras Verdes por parte da conselleira e os representantes municipais, simbolizando así o compromiso dos concellos de Ordes e Curtis coa sustentabilidade e a protección do medio ambiente.