Curtis convoca o Concurso de Tapas da XXV Exaltación do Cogomelo: inscrición aberta ata o 17 de outubro

O Concello de Curtis, a través da Concellería de Feiras, Mercados e Sanidade, pon en marcha o Concurso de Tapas que forma parte da programación da XXV Exaltación do Cogomelo co obxectivo de impulsar o sector hostaleiro, dinamizar o turismo local e reactivar a economía do municipio.
O certame desenvolverase os días 25 e 26 de outubro de 2025. Poderán participar todos os establecementos hostaleiros do termo municipal —bares, tabernas, mesóns, cafeterías, restaurantes…— independentemente da súa categoría, sempre que presenten tapas nas que o cogomelo sexa o ingrediente principal. As creacións poden ser doces ou salgadas e deberán servirse ao público en horario de 13:00 a 15:30 horas eses dous días.
Os locais interesados deben formalizar a súa adhesión presentando a solicitude no Rexistro do Concello, indicando os datos do establecemento, o nome das tapas e un número de conta bancaria para a transferencia do premio no caso de resultar gañadores. O prazo de inscrición abrirase o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e rematará o 17 de outubro de 2025.
A selección dos gañadores correrá a cargo dun xurado mixto, formado por tres expertos en micoloxía alleos ao Concello, dous representantes da Corporación Municipal e dous traballadores municipais —todos designados mediante decreto da Alcaldía—. O xurado avaliará a presentación, a elaboración e o sabor das tapas e elevará acta coas decisións, que virán acompañadas dos premios correspondentes.