Curtis convoca axudas de até 300 euros por nacemento ou adopción para fomentar a natalidade

O Concello de Curtis ven de aprobar, mediante o Decreto da Alcaldía nº 627/2025, do 2 de outubro, as bases para a concesión de axudas dirixidas a fomentar a natalidade e apoiar ás familias do termo municipal. A liña cobre nacidos ou menores adoptados entre o 16 de novembro de 2024 e o 15 de novembro de 2025, ambos inclusive.
A contía máxima destas axudas é de 300 euros por cada menor acreditado por nacemento ou adopción, ata esgotar un crédito total de 7.800 euros previsto no orzamento municipal. As persoas beneficiarias deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Curtis, a través da sede electrónica municipal ou por calquera das vías habilitadas pola Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, antes do 1 de decembro de 2025.
Entre os requisitos principais figura estar empadroado/a en Curtis no momento do nacemento ou adopción e manter ese empadroamento durante un período mínimo de cinco anos; que o menor estea igualmente inscrito e empadroado no Concello durante o mesmo período; e estar ao corrente das obrigas tributarias perante as administracións públicas. As bases completas e o modelo de solicitude están dispoñibles no taboleiro electrónico da sede municipal e na páxina web do Concello de Curtis.
Con esta convocatoria o Concello quere reforzar o seu compromiso coas familias e co asentamento poboacional, facilitando un apoio económico que axude á fixación de persoas e á consolidación de proxectos de vida no municipio.