Curtis contará cunha estrada DP-3201 mellorada grazas ao avance das expropiacións da Deputación

A Deputación da Coruña continúa co proceso necesario para levar a cabo a ampliación e mellora da estrada DP-3201 ao seu paso polo concello de Curtis. O organismo provincial vén de anunciar o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados, un paso fundamental para poder iniciar as obras no tramo que vai desde A Carregosa ata o cruce coa AC-231.
O proxecto está incluído no Plan de Investimentos da Deputación (VIP/2021) e abrangue unha intervención desde o punto quilométrico 8+400 ata o 11+670, incluíndo tamén a senda peonil entre os PQ 8+700 e 9+700. O orzamento total da actuación ascende a 1.389.161,29 euros, dos cales “se destinarán 156.304,22 euros ás expropiacións necesarias”.
As actas previas levantaránse o martes 1 de xullo de 2025, entre as 10.30 e as 10.45 horas, no local social de Santaia, e están convocadas as persoas propietarias das fincas afectadas.
Segundo indican desde a institución provincial, “este procedemento é parte do compromiso da Deputación da Coruña coa mellora da seguridade viaria e das infraestruturas co concello de Curtís, para facilitar o tránsito e reforzando a conectividade dos veciños e veciñas do concello”.
Con esta intervención, a Deputación busca mellorar as condicións de mobilidade e seguridade viaria nunha das vías principais do municipio, ao tempo que reforza a conectividade interior da comarca.