Curtis contará cun IES renovado e ampliado grazas a un proxecto da Xunta

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou o novo proxecto de ampliación e reforma do IES de Curtis, unha actuación que suporá un investimento adicional de 1,2 millóns de euros e que se suma á rehabilitación integral xa executada en 2023. En total, o Goberno galego destinará máis de 2 millóns de euros á mellora deste centro educativo.
Durante a visita, Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou que esta intervención responde a unha dobre finalidade: ampliar as instalacións destinadas á Formación Profesional e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. “É unha actuación que encaixa no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, coa que estamos modernizando os centros para adaptalos ás necesidades educativas actuais”, explicou o conselleiro. A obra prevese licitar no mes de xullo e iniciar no último trimestre do ano, cun prazo de execución de 12 meses. O remate está previsto para finais de 2026.
Entre as actuacións principais, destaca a construción dunha nova nave de 363 m² que substituirá á actual estrutura máis pequena dedicada a talleres de mecánica. A nova instalación, con máis altura e mellor distribución, contará con aseos e vestiarios adaptados, cabina de lacado, almacén e zona de taller. Estará situada xunto ao muro das pistas deportivas e contará cunha rampla de acceso para facilitar a circulación.
Ademais, rehabilitarase o outro taller existente con novas solucións técnicas que melloran o illamento térmico e acústico, aproveitando a luz natural e renovando as carpinterías exteriores.
O proxecto tamén contempla actuacións no edificio principal, como a instalación de case 600 luminarias LED para mellorar o aforro e a adaptación da iluminación segundo o uso de cada espazo. Reconfigurarase parte da terceira planta para crear unha nova aula de plástica.
Nunha aposta pola sustentabilidade, as actuais caldeiras de gasóleo serán substituídas por unhas de biomasa, que abastecerán todo o complexo mediante un sistema centralizado de calefacción, reducindo así a pegada de carbono do centro.
Con estas obras, a Xunta reforza a súa aposta pola educación pública de calidade, dotando ao IES de Curtis de infraestruturas modernas e adaptadas aos retos educativos do século XXI.