Curtis consolida o seu Servizo de Atención Temperá como referente comarcal no apoio á infancia

O Servizo municipal de Atención Temperá de Curtis continúa medrando como recurso clave para o apoio ao desenvolvemento infantil nos concellos de Curtis, Aranga, Sobrado dos Monxes, Boimorto e Coirós. Dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos e ás súas familias, este servizo ten como obxectivo detectar e intervir de maneira temperá ante posibles dificultades no desenvolvemento evolutivo dos menores.
Actualmente, o equipo ofrece unha atención interdisciplinar que abrangue ámbitos como a psicoloxía, a logopedia e a fisioterapia. As crianzas acoden semanalmente a sesións específicas con cada profesional, mentres que as familias dispoñen dun espazo propio para o acompañamento e a intervención psicolóxica.
Desde os núcleos de atención situados en Curtis e Teixeiro, o servizo presta cobertura aos cinco municipios mencionados. O acceso faise unicamente mediante derivación do pediatra de referencia, despois da detección ou sospeita por parte da familia, da escola, dos servizos sociais ou de profesionais sanitarios.
Segundo os últimos datos, o impacto do servizo continúa en aumento. Nos primeiros cinco meses de 2025 xa se atenderon tantos novos casos como en todo o ano 2024, o que evidencia unha demanda crecente e a consolidación do servizo como un referente na comarca.
O Servizo de Atención Temperá representa un compromiso firme dos concellos implicados coa infancia e coas familias, partindo da convicción de que unha intervención precoz, integral e especializada é fundamental para garantir un desenvolvemento saudable e unha inclusión plena na sociedade.