Curtis celebrará o 12 de maio unha carreira contra o cancro
O vindeiro 12 de maio o Concello de Curtis acollerá a quinta edición da carreira-andaina solidaria organizada polo Concello de Curtis e a Federación Galega de Atletismo a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro.
A iniciativa foi presentada esta este xoves nun acto no que tomou parte o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, quen sinalou que “o movemento e a solidariedade dos curtienses convértense cada ano en máis investigación e esperanza na loita contra o cancro grazas a esta carreira e a outras fantásticas iniciativas da Xunta Local Curtis-Teixeiro da Asociación Española Contra o Cancro”.
O acto de presentación, celebrado na praza de España en Teixeiro, contou tamén coa participación de Paloma Conde, coordinadora de Xuntas Locais da AECC, a directiva e membras da xunta local Curtis-Teixeiro e a técnica de deportes.
Según explicou a presidenta da xunta-local, Carmiña Vilariño, as persoas que desexen participar na iniciativa poden anotarse dende este xoves ata o 8 de maio na páxina web de Carreiras Galegas o custo da carreira será de 5 euros persoa e a da andaina 3. Os menores de 8 anos poden participar de forma gratuíta.
Este ano a saída será dende o pavillón de Curtis e a meta a praza de España en Teixeiro. Haberá servizo de autobús dende Teixeiro (meta) ata Curtis (saída) dende as 9.30 horas. A recollida de dorsais será de 8.30 horas a 9.20 horas en Teixeiro e en Curtis de 9.30 horas a 10.00 horas. A saída da carreira será as 10.30 horas e a da andaina ás 10.35 horas. Haberá as seguintes categorías: sub 20, promesa – sub 23, senior, master 1, master 2, master 3, master 4.
O rexedor animou a todos os veciños e afeccionados ao deporte a desprazarse ao Concello de Curtis o día 12 “non só para participar na carreira, senón tamén para gozar da gastronomía e patrimonio”.
Os 11 quilómetros que separan Curtis e Teixeiro converteranse nun símbolo do esforzo na loita contra o cancro ao ser esta a distancia que percorrerán as decenas de atletas. A primeira edición desta carreira-andaina levouse a cabo no ano 2018 e reuniu a preto de 370 participantes.